O alcalde de Frades, Roberto Rey, agradeceulle a Beatriz Mato a colaboración da Consellería de Traballo nos programas formativos e de emprego postos en marcha este ano
“Para o ano 2015, o Concello de Frades vai solicitar un obradoiro de emprego para restaurar e poñer en valor distintos puntos do municipio”. Son palabras do alcalde de Frades, Roberto Rey Martínez, tras reunirse en San Caetano coa conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato. Un encontro no que o alcalde fradense aproveitou para agradecerlle á conselleira a colaboración do seu departamento tanto no Programa Integral de Emprego como no Curso de Atención Sociosanitaria, que se están a desenvolver nestes momentos e nos que participan un total de 35 veciños e veciñas de Frades.
A conselleira Beatriz Mato explicoulle ao alcalde de Frades que o seu departamento abrirá no primeiro trimestre de 2015 o prazo para solicitar obradoiros de emprego e o animou a presentar un proxecto conxuntamente con outros municipios da súa contorna, especialmente en cuestións relacionadas coa restauración de áreas municipais e redución do feísmo urbanístico. O alcalde de Frades amosou o seu interese por este proxecto, sobre todo despois dos bos resultados acadados polos obradoiros de emprego concedidos en 2010 e 2012, que permitiron as formación de medio cento de persoas nos municipios de Frades, Mesía e Curtis; ademais de facilitar o acondicionamento de espazos naturais, áreas recreativas, prazas públicas e zonas verdes destes municipios, así como realizar actuacións de recuperación do seu patrimonio etnográfico.
Próximos plans
Roberto Rey interesouse tamén polos próximos plans de formación que se van poñer en marcha dende a Consellería de Traballo e Benestar durante o ano 2015. “Estamos moi satisfeitos co desenvolvemento do Curso de Atención Sociosanitaria, unha iniciativa de 468 horas lectivas, con prácticas en centros de día e de dependentes da nosa contorna e que permitirá que quince veciñas obteñan un certificado profesional que mellorará a súa empregabilidade e lles abrirá máis portas no mercado laboral. Polo que estamos interesados en poder contar con outro tipo de curso formativo semellante”, indicou o alcalde de Frades.
O alcalde de Frades aproveitou tamén para agradecer a colaboración da Consellería de Traballo e Benestar no programa integrado para o emprego “Empregat´2.0”, posto en marcha o pasado mes de outubro polos concellos de Frades, O Pino e Vedra e que permitirá formar a 60 persoas desempregadas ata o 31 de xullo de 2015. Empregat´2.0 é unha medida activa de emprego dirixida a mellorar a ocupacionalidade e a inserción laboral das persoas traballadoras en situación de desemprego mediante a posta en marcha de accións de diversa natureza tales como información, orientación e asesoramento, formación, intermediación laboral, prácticas e inserción, organizadas en itinerarios individuais e grupais, e distribuídas en accións formativas transversais e especializadas. Tamén, se ofrecen competencias útiles como é a elaboración do currículum, alfabetización informática, redes sociais, etc.