Friday 22 de November de 2024

Chega NOUTRORA, unha viaxe no tempo ao Cambre dos Anos Felices durante toda a Semana Santa.


O Parque da Igrexa de Cambre acollerá durante toda a Semana Santa, do venres 7 ao domingo 16, a primeira edición de NOUTRORA, unha feira de época que propón “unha viaxe no tempo” concretamente aos anos comprendidos entre a chegada do ferrocarril a Cambre e o inicio da Guerra Civil, unhas décadas onde o crecemento poboacional, urbanístico, tecnolóxico, industrial e social conformou o Cambre que hoxe coñecemos malía a labor de destrucción levada a cabo pola política caciquíl e a especulación inmobiliaria en tempos máis recentes.

Os concelleiros de Cultura e Deportes, Dani Carballada e Brais Cubeiro, presentaron un programa no que se condensan máis de 50 actividades en 10 días co obxectivo de poñer en valor a historia de Cambre, dignificar á nosa cabeceira municipal coma unha vila cunha clara importancia no contexto comarcal, ofrecer unha alternativa cultural e de ocio a custo cero nunha época de vacacións e lecer coma a Semana Santa ao tempo que se tenta dar vida a Cambre e ao seu tecido comercial e hostaleiro durante uns días nos que a vila queda literalmente valeria e morta.

Subliñaron os edís NOUTRORA chega coma unha experiencia nova e novidosa, modesta pero ambiciosa que pretende consolidarse coa axuda do tecido asociativo e a participación dos veciños e veciñas de a pé. Ao longo dos vindeiros días distribuiranse os programas de NOUTRORA e paseniñamente iranse anunciando as actividades máis inmediatas.

Contodo destácase, en palabras de Brais Cubeiro que “a celebración dun certame de merendiñas campestres de época e vestimentas daqueles anos na tarde do xoves 13, a realización dun roteiro de época e a recreación da chegada da II República Española a Cambre o venres 14, a celebración dun certame de carrilanas artesanais na tarde do sábado 15 e unha mostra de coches de época para o domingo 16, cando terá lugar o prato forte desta primeira edición, un enorme globo aerostático de 40 metros de altura, súbira a 200 persoas ao ceo de Cambre ao longo da mañá dominical, unha experiencia con todos os permisos e medidas de seguridade que permitirá a nenos e maiores divisar Ferrol, A Coruña e toda a contorna das Mariñas”.

Anunciou Carballada que “A participación de numerosas entidades cambresas coma a Escola de Baile As Mariñas, Aires Novos de Pravio, a Coral de Cecebre, o Corpo de Baile de Garrulaxe, o chef Diego Pita, o Grupo San Antonio de Anceis, Aires de Sigrás, 3ª Idade de Cambre, o coctel-man David Ortiz e o grupo de baile da Asociación Bribeslyhills será completada con proxeccións do cine máis clásico da preguerra (Dumbo, Bambi e Pinocho) xunto con documentais sobre a Galiza dese momento histórico ou filmes coma O Lápis do Carpinteiro ou Romasanta. Ademáis sobre o escenario do Parque da Igrexa desfilarán Os Melidaos, Roberto Sobrado, Pirilampo, Intervalo, Triada ou Cé Home Orquestra entre outros artistas, que encherán de vida o Parque da Igrexa durante unha semana santa cambresa que pretende viaxar no tempo con NOUTRORA até o punto álxido da Belle Époque”.

Ambos concelleiros destacaron que “Con esta aposta faise un esforzo dende o goberno municipal por ampliar a oferta cultural, universalizala para chegar a todos os públicos e a todas as idades, revitalizar a nosa vila nun periodo vacacional e dar a coñecer a nosa propia historia. Facemos pois un chamamento ás diversas asociacións, entidades, grupos e cidadáns a título indivual a difundir NOUTRORA, a participar dela, a facela máis grande e a axudar a súa consolidación pois trátase de algo positivo para todo Cambre”.