Os 140 ciclistas que hoxe participaron no ‘II Trofeo de Ciclismo Concello de Touro-Camiño do Holandés’ conseguiron poñer en valor e dar lustre á xa tradicional ‘Ruta do Holandés’, unha vía alternativa do Camiño Francés cada vez máis frecuentada e utilizada tradicionalmente por cicloturistas procedentes de Holanda e de países do Centro de Europa. O gañador da proba foi Rubén Fernández Oliveira, do equipo Norinver, que chegou á meta en solitario e sacándolle dos minutos a José Ignacio Méndez, do Supermecados Froiz. Méndez disputou a súa praza ao sprint con Iago Alonso, do Clube Ciclista Chantadino, que foi terceiro.
Hoxe foi un día propicio para o ciclismo afeccionado en estrada. A mañán era fría pero non choveu e o sol apareceu durante boa parte da proba polas estradas do Concello de Touro. Saíron da meta arredor de 140 ciclistas para competir nunha proba para categorías Junior e Máster 30, 40 e 50. A carreira é puntuable para a Challenge CCAGC Touro-A Estrada-O Pino, organizada polo Club Ciclista Asociación Galega de Ciclistas, que, ademáis da carreira de Touro, consta doutras dúas probas: A Estrada, o día 30 de abril; e o 7 de maio no Pino.
A carreira foi dura, según coincidiron os participantes e tamén os organizadores. “O trazado, con contínuas subidas e baixadas, fixo que os corredores tiveran que dar o máximo”, apuntou Juan Bello, presidente do Club Ciclista Asociación Galega de Ciclistas, quen destacou o percorrido polas estradas de Touro como un dos máis “fermosos e esixentes”. “Foi unha carreira espectacular, con todos os ingrediente para dotala de emoción e sigularidade”, apuntou Juan Bello.
Dos 140 corredores que saíron ás 10.30 horas únicamente chegaron a meta uns 70. O circuito tiña 67,40 quilómetros ao longo das estradas do Concello. Unha boa parte do circuito percorreu a AC-240, pola que discurre a ‘Ruta do Holandés’, e tamén percorreu estradas pola beira do Ulla.
O grupo principal de ciclistas foi agrupado ata metade de carreira. No quilómetro 31 rexistrouse un corte do pelotón e un grupo de seis corredores conseguiron adiantarse. Esa media ducia de ciclistas foron agrupados ata o quilómetro 14, no que o gañador conseguiu tomar ventaxa. Rubén Fernández Oliveira logrou percorrer os últimos quilómetros en solitario e físoxe co trofeo. Chegou á meta ubicada en Fonte Díaz, diante do Concello de Touro, en solitario. Empregou unha hora e 49 minutos. O tempo previsto máis rápido estaba fixado nunha hora e 55 minutos. A dous minutos chegaron tres corredores. Entre eles disputáronse a segunda e terceira praza: Méndez (2º) e Alonso (3º). Por equipos levouse a proba o Norinver. Os tres primeiros corredores a proba son tamén os tres primeiros da xeneral da II Challenge CCAGC, xa que a de Touro era a primeira proba dun total de tres. Ao final da carreira, o alcalde de Touro, Ignacio Codesido; e a concelleira de Deportes, Adela Iglesias, fixeron entrega dos trofeos aos gañadores nas diferentes categorías.