O Fondo de Compensación Ambiental permite aos concellos da provincia beneficiarse directamente das explotacións eólicas situadas no seu territorio
O concello de Ponteceso recibiu máis de 106.000 euros, procedentes do Fondo de Compensación Ambiental, que investiu na mellora da drenaxe de augas pluviais para evitar a degradación ambiental na contorna de diferentes núcleos rurais do municipio. En concreto, as obras realizáronse en cinco núcleos rurais pertencentes a catro parroquias: Brántuas de Abaixo na Parroquia de Brántuas, Lestimoño na Parroquia de A Graña, Pardiñas e O Petón na Parroquia de Tallo, e o núcleo de Pazos na Parroquia do mesmo nome.
O Fondo de Compensación Ambiental ten como finalidade a aplicación de actuacións globais destinadas á conservación, reposición e restauración do ambiente e reequilibrio territorial. Mantén unha liña de axudas non competitivas que permite a todos os concellos da provincia beneficiarse directamente das explotacións eólicas situadas no seu territorio. Están destinadas a sufragar actuacións propostas polos concellos que inciden directa ou indirectamente en labores de melloras medioambientais.
Así mesmo supón unha importante contribución ás facendas locais, xa que hai unha liña exclusiva de axudas non competitivas, que benefician a todos os municipios que contan con instalacións eólicas. Estas axudas impulsan a dotación de medios materiais e humanos para a conservación ambiental, ou ben proxectos en ámbitos como a mellora do saneamento e depuración de augas residuais, abastecemento dos subministros de auga potable, eficiencia enerxética ou recuperación de espazos naturais, entre outras moitas actuacións.