O Fondo de Compensación Ambiental permite aos concellos da provincia beneficiarse directamente das explotacións eólicas situadas no seu territorio
O concello de Ortigueira recibiu máis de 184.000 euros procedentes do Fondo de Compensación Ambiental, que investiu na adquisición de vehículos destinados a actuacións de protección do ambiente e do espazo natural no seu concello.En concreto, o concello de Ortigueira dispón, grazas a esta orde, dun tractor dotado de desbrozadora de brazo e de rozadora de cadea; dun vehículo para transporte de tractoristas, peóns e equipos; e dunha máquina limpapraias accionada por tractor.
O Fondo de Compensación Ambiental ten como finalidade a aplicación de actuacións globais destinadas á conservación, reposición e restauración do ambiente e reequilibrio territorial. Mantén unha liña de axudas non competitivas que permite a todos os concellos da provincia beneficiarse directamente das explotacións eólicas situadas no seu territorio. Están destinadas a sufragar actuacións propostas polos concellos que inciden directa ou indirectamente en labores de melloras medioambientais.
Así mesmo supón unha importante contribución ás facendas locais, xa que hai unha liña exclusiva de axudas non competitivas, que benefician a todos os municipios que contan con instalacións eólicas. Estas axudas impulsan a dotación de medios materiais e humanos para a conservación ambiental, ou ben proxectos en ámbitos como a mellora do saneamento e depuración de augas residuais, abastecemento dos subministros de auga potable, eficiencia enerxética ou recuperación de espazos naturais, entre outras moitas actuacións.