Friday 22 de November de 2024

A Xunta promove a formación en actividades de tempo libre para aumentar a competencia profesional da mocidade galega


Nesta acción formativa, que comezou en xaneiro e prolongará ata o vindeiro 22 de abril, participan 19 mozos e mozas

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vazquez, visitou aos mozos e mozas que está a realizar o curso de monitor ou monitora de actividades de tempo libre, organizado pola Escola de Tempo Libre Néboa. Nesta actividade formativa apoiada pola Xunta de Galicia, que dende o pasado 14 de xaneiro se está a desenvolver na Casa da Cultura do municipio eumés e que rematará o 22 de abril, participan 19 persoas.

Cecilia Vázquez subliñou a importancia do sector do tempo libre e das iniciativas de educación non formal como este curso de monitores xa que permiten contar con profesionais de primeiro nivel. Así, reiterou que estas actividades “reafirman o compromiso do Goberno galego coa empregabilidade da mocidade ao estar orientadas fundamentalmente ao emprego e porque contribúen de forma substancial á cualificación dos participantes, de modo que se incrementa a súa competencia profesional”.

Ademais, a directora xeral fixo fincapé no traballo que levan a cabo os centros da Rede de Escolas de Tempo Libre de Galicia, referentes na cualificación de profesionais neste ámbito aos que levan formando durante anos dende a perspectiva da creatividade, da diversidade e do respecto, entre outros valores. Nesta liña, apunto que “as escolas de tempo libre son centros nos que se forman persoas que van desenvolver unha tarefa educativa indiscutible, de aí a importancia da necesaria cualificación e actualización dos equipos formativos”.

A Xunta de Galicia expide as titulacións oficiais de directores e monitores de actividades de tempo libre e de campos de traballo, acreditando a labor de 74 escolas de tempo libre que hoxe en día figuran no rexistro da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado. Nos últimos catro anos, un total de 6972 mozos e mozas conseguiron este título, dos que 6605 foron de monitor e 367 de director.

Os centros integrados na Rede de Escolas de Tempo Libre de Galicia imparten cursos de primeiro e de segundo nivel. Estes se corresponden, no primeiro nivel, coa titulación de monitor ou monitora; e coa de director ou directora de actividades de tempo libre e de campos de traballo no segundo nivel.