A Consellería de Infraestruturas e Vivenda rematou os traballos logo de superar os problemas técnicos e administrativos que motivaran a paralización desta actuación
A Xunta abre este luns, día 3 de abril, o acceso ao Porto de Lorbé, concretamente o treito III da Vía Ártabra (AC-526): Veigue (VG 1.3)- Porto de Lorbé, continuación dos treitos en servizo da Vía Ártabra, que articula e conecta Sada e Oleiros coa rede metropolitana da Coruña, unha vez subsanados os problemas técnicos e administrativos que obrigaron a paralizar esta actuación.
No seu día, a obra foi adxudicada a Condesmo, S.A., pero entrou e concurso de acredores, e foi absorbida pola empresa Grupo Bascuas 2000, que se subrogou na posición da adxudicataria e continuou coa execución das obras.
O novo vial ten unha lonxitude de 1,1 quilómetros e unha sección de dous carrís de 3,5 metros de ancho, beiravías de 1,5 m e bermas de 0,5 metros. Realizáronse tarefas de desbroce da traza e traballos nos firme, ademais,acadouse o encauzamento das augas pluviais de escorrenta.
Esta actuación executouse como unha colaboración entre Portos de Galicia, da Consellería do Mar, que foi quen contratou as obras, e a Consellería de Infraestruturas, que as dirixíu.
Os problemas xurdidos, fundamentalmente pola necesidade de axuste das drenaxes, a aparición de servizos e outras cuestións complementarias, foron resoltos técnica e administrativamente para permitir o remate das obras e a sua posta en servizo.