O Concello de Riveira informa do comezo dunha nova actuación consistente na dotación de beirarrúas ao tramo situado entre o núcleo urbano de Aguiño e o lugar da Graña.
Operarios da empresa adxudicataria Tarrío y Suárez principiaron esta obra, que ten un importe de 205.517,62 euros, IVE incluído. O prazo de execución son catro meses.
Seguridade viaria
Con esta iniciativa preténdese reforzar a seguridade viaria nunha estrada (a LC-7306) que carece nestes momentos de beirarrúas. O vial conta con dous carrís (un por cada sentido da circulación) e, aínda que está ben sinalizado, constatouse que ás veces os vehículos alcanzan velocidades non permitidas, para risco dos viandantes e especialmente dos veciños residentes na zona.
Para satisfacer a pretensión de ofrecer maior seguridade, construiranse beirarrúas por unha das bandas da calzada cun longo de 530 metros. O material que se vai empregar será baldosa hidráulica de 33×33 centímetros, con 25 tacos de cor gris e bordillo prefabricado de formigón de 100x30x15 centímetros.
O paso peonil será ampliado onde sexa posible (actualmente, a zona de tránsito ten un pavimento de terra compactada con soleiras de formigón en zonas de entradas a fincas e vivendas, con bastantes irregularidades e desperfectos), para que se poida camiñar sen risco.
Por outra banda, o proxecto técnico tamén prevé a construción dunha rede de drenaxe de pluviais, que consistirá na instalación dunha tubaxe de PVC corrugado de 315 milímetros de diámetro, pozos de rexistro e arquetas sumidoiros ao longo do percorrido das beirarrúas e de xeito paralelo ás mesmas.
Unha vez concluídas estas obras, se procederá á pavimentación do arcén con aglomerado asfáltico.