Friday 22 de November de 2024

As cigarreiras volven á Fábrica de Tabacos para ser as primeiras en descubrir a rehabilitación do edificio da palloza


Un grupo de preto de 70 antigos traballadores da factoría coruñesa percorreron esta mañá as instalacións nunha visita guiada polos responsables dos traballos

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, exerceu de anfitrión cos primeiros visitantes da antiga Fábrica de Tabacos, xa convertida en sede da Audiencia Provincial da Coruña e edificio xudicial. A Xunta de Galicia quixo dedicar este primeiro acto cidadán, logo da inauguración oficial, aos traballadores que durante décadas foron os protagonistas da actividade na factoría da Palloza. Preto de 70 traballadores, nomeadamente cigarreiras, percorreron durante dúas horas as instalacións nunha xornada cargada de reencontros e emocións.

Ovidio Rodeiro foi o encargado de darlles a benvida aos convidados. Nunha intervención realizada nun dos dous patios principais do edificio, o delegado territorial agradeceulles ás cigarreiras a súa asistencia e convidounas a “deixarse levar polas lembranzas”. “Botastes boa parte das vosas vidas aquí, traballando por facer da vosa profesión un arte, da vosa presenza un referente e da vosa actividade un orgullo para esta cidade. Por iso esta é e seguirá sendo a vosa casa, por máis que agora pase a ser outro tipo de fábrica, a fábrica da Xustiza”, sinalou Rodeiro.

Tras unha foto de grupo que é xa histórica, o encargado da rehabilitación realizou unha visita guiada na que a emoción era facilmente recoñecible nos rostros dos presentes. Do patio pasaron ao recibidor, onde puideron ver unha serie de fotografías da evolución da restauración. Logo, a escaleira central, o recuperado reloxo e so seu mecanismo, as dependencias interiores, as salas de vistas, e mesmo os calabozos.

A xornada rematou con todos os asistentes brindando polo pasado, polo presente e polo futuro do edificio da Palloza, no que a Xunta de Galicia fixo un especial esforzo por devolver a cidade da Coruña un símbolo ao tempo que o converte nunha moderna e funcional sede xudicial que alivia en optimiza os recursos das dependencias xa existentes na cidade. Durante toda a fin de semana manteranse as portas abertas para que todo aquel que queira visitar a antigo Fábrica de Tabacos poda facelo libremente.