Friday 22 de November de 2024

“Pois iso, que te quero” ou como espir a alma diante dunha cámara sen decatarse


Nova estrea en youtube do proxecto Chanfaina Lab

“Pois iso, que te quero” é a estrea desta semana en youtube do proxecto audiovisual Chanfaina Lab. Detrás deste título e desta pequena xoia está Beatriz del Monte, realizadora de longa traxectoria no mundo da realización que, igual que o resto de participantes na Chanfaina, tivo que amoldarse ao que había para sacar adiante a súa peza. Ela tirou pola paisaxe humana. Máis ben pola paisaxe interior de catro almas que, vistas desde fóra, ofrecen unha imaxe afouta e case infranqueable. Almas que, porén, atesouran sentimentos e mancheas de cariño unhas polas outras malia non telo declarado nunca. E aí entra Beatriz coa súa cámara, ese estrano elemento catalítico e catártico que logra facer dicir o que nunca se dixo… “Pois iso, que te quero”.

De todas as estreas que se viron na Casa da Cultura cando se fixo o pase público do Chanfaina, sen dúbida foi esta curta a que causou unha maior impresión no público asistente. Durante a proxección non se oía no patio de butacas nin un chío, nin sequera alentar, por causa da tensión e certo desacougo que produce ver xente coñecida mostrando o seu interior. E que ninguén diga o contrario porque, ou se ten o corazón de pedra ou é imposible reprimir unha bágoa ao ver de que xeito se ispen diante da cámara as catro protagonistas, pertencentes a catro xeracións da mesma familia.

Con tanta moda televisiva de sillóns luxosos para entrevistar e descubrir segredos cabería esperar que “Pois iso, que te quero” fose algo semellante a un talk show. E non o é. Nin sequera se lle aproxima. Beatriz del Monte fai un exercicio de sinxeleza que non é froito da casualidade, senón de moitos anos de voo audiovisual e dun oficio innato de documentalista, onde a empatía é unha ferramenta ao servizo da observación.

No canto dun grande despregamento visual, del Monte opta polo minimalismo na escena. Abóndalle con roubar momentos aquí e acolá, recoller os testemuños da matriarca Balbina, da súa filla Manolita, da súa neta Amparo e de Irene, a bisneta. E, despois de tanta colleita, utiliza dúas cadeiras colocadas unha fronte da outra á mantenta para forzar que nai(s) e filla(s) se miren cara á cara, en silencio… e a ver que pasa.

E o que pasa é o que tiña que pasar: que o silencio, o mirarse aos ollos, ao fondo da alma, acaba provocando que o sentimento aflore. Que se diga o que nunca se dixo. Que sexa o corazón quen fale sen necesidade de dicir nada, aínda que queira dicir “Pois iso, que te quero”.

“Tentei facer un achegamento ao tema da maternidade, das relacións nais-fillas, a través da mirada de catro xeracións da mesma familia”, explica Beatriz del Monte. “Quixen transmitir o que vin nos dous días que convivín con elas, mostrar a súa relación… que, como calquera relación, está chea de luces e sombras e ás veces tamén de moitos silencios e sentimentos non falados. Todo iso ao final queda superado polo que as une que é, ao fin e ao cabo, o amor. De feito a miña peza é unha historia de amor ou de catro amores”. coas súas luces e sombras, e ás veces “

A curta é un exercicio de valentía por parte das catro mulleres que se expoñen ao escrutinio da cámara e tamén da realizadora por terse botado a un tema dan complexo de resolver con ben en tan pouco tempo. Desde que comezou o Chanfaina Lab cada ano saen algunhas pezas que destacan por riba das outras. Non por ser mellores nin máis espectaculares, senón porque teñen un algo especial. A de Bea del Monte é unha das que teñen “esa cousa”, como se adoita dicir, na edición deste ano. E seguramente ha dar moito que falar en festivais dentro e fóra de Galicia.

A realizadora
Como sempre, en Fálame de San Sadurniño atópanse tanto as curtas participantes como unha extensa ficha sobre cada unha delas, xunto cunha biografía de cada realizador e realizadora escrita polo académico e impulsor do Chanfaina Manolo González. Así fala de Beatriz del Monte:

É unha experimentada directora e guionista de cine e televisión formada na Escola de Imaxe e Son de Coruña. Socia fundadora en 1999, xunto con Antón Reixa e Xosé Moráis, da produtora de cine e televisión Filmanova , onde ademais de dirixir algunhas das súas producións, traballa no departamento de Desenvolvemento e Deseño de produción.

Nese tempo ten dirixido series de ficción como “Mareas vivas”, “Galicia Exprés”, “Os Atlánticos” ou “4º sen ascensor”. Tamén foi realizadora do primeiro “reality” galego: “A Casa de 1906” e asistiu á dirección da película “O lapis do carpinteiro”. Abandona Filmanova no 2005 para continuar de xeito independente a súa carreira como directora, orientándose cara a creación audiovisual máis experimental e independiente con proxectos como “Home”, “Agosto” ou “22 cicatrices”.

Dende o ano 2012 xestiona “El Ambigú. Taller de Imágenes y Sonidos”, un espazo adicado á creación, formación e difusión de contidos audiovisuais, onde tenta revitalizar a cultura na cidade de Coruña mediante unha cobizosa e variada programación que inclúen algúns filmes producidos na Chanfainalab. E cando lle sobra tempo, segue a realizar pequenas pezas de creación libre onde amosa o seu mundo interior ateigado de humanidade, beleza e sensibilidade poética.