Xesús Pedreira lembra que a proposta foi aprobada polo pleno municipal hai xa 2 anos e insta ao Goberno municipal a investir os 40.000 euros comprometidos para o proxecto nos orzamentos de 2013
Os socialistas de Ordes apremian ao Concello de Ordes a dar os pasos necesarios para poñer en marcha canto antes o Centro Municipal de Emprendemento, comprometido no pleno de setembro de 2012. O voceiro municipal socialista, Xesús Pedreira, considera que “é necesario desbloquear este proxecto, pois non podemos agardar máis por el e instamos ao Concello de Ordes a facer o que sexa preciso para poder executalo canto antes, sobre todo tendo en conta que hai unha partida habilitada de 40.000 euros para este proxecto nos orzamentos municipais de 2013”.
Xesús Pedreira indica que “somos conscientes de que dende o Concello de Ordes xa se teñen feito xestións para cumprir o mandato plenario e habilitar a primeira planta da Praza de Abastos para albergar o Centro Municipal de Emprendemento, pero non podemos agardar eternamente. Se non podemos dispoñer dese local, non poremos ningún problema a que se utilice calquera outro dispoñible, como pode ser inmoble do antigo centro comarcal. O que queremos é que o proxecto se poña en marcha canto antes”.
De feito, Pedreira explica que “propuxemos que o Centro Municipal de Emprendemento se emprazase na Praza de Abastos por responsabilidade, pois no ano 2012 era un inmoble municipal sen uso e porque outros locais como o centro comarcal aínda non foran revertidos ao Concello. Pero agora que a Praza de Abastos semella ter collido renovados folgos e que o centro comarcal leva case anos sen utilidade, consideramos que o máis axeitado é utilizar esas instalacións para albergar o Centro Municipal de Emprendemento antes de que se deterioren máis e se teña que facer un importante investimento nelas”.
Aberto aos emprendedores
Neste sentido, Pedreira recoñece que “nós queriamos destinar o centro comarcal como un centro sociosanitario para tratamento de dependentes, pero semella que a Xunta non está polo labor. E a realidade é que temos un inmoble pechado e sen uso ningún dende hai 8 meses, polo que podería ser unha boa sé para o Centro Municipal de Emprendemento, xa que conta con todos os servizos precisos e o Concello non tería que facer un investimento custoso para poñelo en marcha”.
O Centro Municipal de Emprendemento (CME) proposto polos socialistas estaría aberto a todos os emprendedores e emprendedoras locais cun proxecto ou idea viable, que terían acceso a unhas oficinas dotadas dos servizos comúns máis necesarios (Internet, teléfono, fax, fotocopiadoras, etc) e cun servizo de asesoramento xurídico, fiscal e laboral por parte dos técnicos do Concello de Ordes.
O voceiro municipal socialista recorda que “os socialistas sempre defendemos que a economía de Ordes non pode basearse só na hostalería, senón que é preciso defender os sectores téxtil e agrícola. Agora que o téxtil comeza a estar encamiñado grazas ás xestións realizadas polo PSdeG no Parlamento e que o proceso de adxudicación de postos na Praza de Abastos semella que tivo unha boa acollida, quizais sexa o momento de apostar pola Praza como foco dinamizador do sector primario ordense e buscarlle acomodo ao Centro Municipal de Emprendemento no inmoble do antigo centro comarcal”.