Saturday 16 de November de 2024

Medio Ambiente analiza posibles vías de colaboración cos hostaleiros coruñeses co fin de aumentar as taxas de reciclaxe entre o sector


A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, mantivo hoxe unha reunión co presidente da Asociación provincial de empresarios da Coruña para seguir impulsando o modelo de economía circular

A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, analizará posibles vías de cooperación cos hostaleiros da provincia da Coruña co fin de incrementar as taxas de reciclaxe entre o sector. Foi nun encontro que a titular do departamento autonómico mantivo hoxe co presidente da Asociación de Empresarios da Hostalería da Coruña, Héctor Cañete, dentro da rolda de contactos con diferentes sectores empresariais co fin de favorecer alianzas de cara á implantación do modelo de economía circular.

Precisamente, a conversión dos residuos en novos recursos é un dos piares no que se asenta o sistema económico circular, que pretende valorizar os produtos e materiais que se manteñen durante o maior tempo posible reducindo, así, os residuos e prolongando a vida útil dos produtos. Nesta liña, a conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio considera necesario traballar man con man co sector para acadar os novos retos medioambientais e seguir impulsando o modelo económico circular fronte ao lineal actual de fabricar, usar e tirar.

Igualmente, a titular do departamento autonómico valorou o esforzo dos hostaleiros da Coruña por mellorar os seus sistemas de xestión de residuos e adecuarse ás esixencias de protección medioambiental e salientou o compromiso dos empresarios coas campañas de concienciación sobre un consumo responsable.

Pola súa banda, o presidente dos empresarios da hostalaría da Coruña, Héctor Cañete, aproveitou o encontro para analizar conxuntamente coa conselleira de Medio Ambiente e Ordenación Territorial as necesidades do sector para seguir cumprindo, precisamente, coas esixencias en materia de avaliación e calidade ambiental.

Por último, Beatriz Mato destacou a importancia de establecer pontes para o diálogo entre institucións e traballar de forma coordinada para que Galicia acade os mellores resultados en canto ás taxas de reciclaxe, que no horizonte de 2020, e en concreto no que respecta ao vidro, poderían situarse arredor do 77 por cento.

De feito, segundo o balance recentemente presentado pola Consellería do Medio Ambiente en colaboración con Ecovidrio, a Coruña superou a media de Galicia (15,2 Kg/hab) en canto á reciclaxe de vidro, ao situarse a media provincial en 16,6 kg/hab.
Unha das razóns deste incremento débese -en boa medida- á maior concienciación cidadá sobre os beneficios que reporta ao medio ambiente o feito de reciclar este tipo de residuos, dándolles unha segunda vida.

Estes resultados son unha gran noticia para a sociedade galega, que consolida un hábito sustentable e responsable e, por encima de todo, para o medio ambiente e a loita contra o cambio climático. As cifras demostran a eficacia do modelo colector e a súa vixencia e potencial tras case 20 anos de vida na comunidade; pero aínda así, obxectivo é seguir impulsando iniciativas e actividades que axuden a reciclar o 100% dos residuos de envases de vidro.