Logo da inauguración oficial de mañá, e unha homenaxe ás cigarreiras o sábado, haberá visitas guiadas para todos os que desexen ver o resultado da rehabilitación
A Xunta de Galicia decidiu compartir con todos os coruñeses a reapertura da Fábrica de Tabacos, convertida xa en nova sede xudicial. Para elo, e logo do acto de inauguración oficial que se celebra mañá ao mediodía, programáronse unha serie de eventos que terán aos coruñeses como protagonistas.
O primeiro deles será unha homenaxe ás cigarreiras. O Goberno galego quere desta forma que as mulleres que durante tantos anos converteron o edificio da Palloza nun referente da cidade sexan as primeiras en comprobar o resultado da inversión realizada para recuperar o emblemático inmoble. De seguido, xa o sábado pola tarde e o domingo durante todo o día realizaranse unha serie de visitas guiadas polas diferentes dependencias da nova sede xudicial.
O acceso a estas visitas é libre e basta con presentarse na entrada principal uns minutos antes do comezo de cada percorrido. As horas programadas son 17,30 e 18,30 do sábado 1 de abril, e 11,30 e 17,30 do domingo 2. A partires do luns día 3, comezará o traslado do persoal ás novas dependencias.