Tahume 4 tería 2 especialidades: carpintería e mellora de montes
Os alcaldes de Porto do Son e Riveira, Manuel Ruiz e Luis Oujo, asinaron un convenio de colaboración dirixido a solicitar conxuntamente á Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia unha achega para o desenvolvemento dun novo obradoiro de emprego que levaría o nome de Tahume 4 dando así continuidade aos efectuados nos últimos anos.
Concretamente, o que se pretende é impartir un obradoiro que daría formación a 20 alumnos repartidos en dúas especialidades: 10 en traballos de carpintería e moble e outros 10 en actividades auxiliares de conservación e mellora de montes.
Nove meses
Está previsto que os obradoiros aos que a Xunta dea o visto bo principien no mes de setembro e teñan unha duración de nove meses.
As persoas que os realicen recibirán un certificado de profesionalidade nivel 1, polo que non se esixe requisito mínimo de estudos para poder aspirar a eles.