Unanimidade da corporación á hora de solicitarlle á Deputación o arranxo das beirarrúas de acceso ao CPI Ponte Carreira, orzamentado en máis de 198.000 euros
A unanimidade caracterizou a sesión plenaria extraordinaria celebrada en Frades, xa que seis dos sete puntos da orde do día foron apoiados por todos os concelleiros da corporación. Así, o pleno municipal acordou solicitar un novo obradoiro de emprego conxunto co Concello de Ordes, que terá encomendada a súa xestión.
O alcalde de Frades, Roberto Rey, explicou que este Obradoiro de Emprego Ordes-Frades II tería dúas modalidades (albanelería e xardinería) e formaría ao alumnado por un período de 9 meses. Una proposta para a que ambos municipios solicitarán unha achega de 279.959 euros por parte da Xunta de Galicia, orzamento ao que hai que engadir as achegas municipais, que no caso do Concello de Frades ascende a 24.500 euros.
Rey Martínez adiantou tamén os traballos que acometería o alumnado do Obradoiro. No caso da modalidade de albanelería, acondicionarían o local de O Vedral para o uso do equipo de fútbol e “realizarán traballos de conservación e acondicionamento das prazas de Moar, Añá, Ponte Carreira e Papucín, xa que moitas teñen desperfectos nas beirarrúas de empedrado, xa que hai pezas soltas”. Pola súa banda, o alumnado de xardinería encargaríase do acondicionamento e conservación das áreas recreativas de Ponte Carballa (Abellá), A Presa (Ledoira) e Os Pasos (Aiazo), así como do campo de festa de Añá.
Beirarrúas
Así mesmo, o pleno municipal acordou solicitar da Deputación da Coruña o arranxo das beirarrúas que unen a localidade de Ponte Carreira co colexio, a ambas marxes da estrada provincial DP-3802 Ordes-Ponte Carreira. Un proxecto orzamentado en 198.735,29 euros e que inclúe a substitución das baldosas das beirarrúa, o arranxo de desniveis, a plantación dalgunha árbore e a substitución da actual baranda de protección que “ademais de atoparse en mal estado, non cumpre coa normativa vixente xa que ten as barras horizontais cando teñen que ser verticais”, puntualizou o alcalde de Frades.
O Concello de Frades enviará o proxecto á Deputación da Coruña para solicitar que achegue a financiación precisa ou execute directamente os traballos, ao ser unha zona da súa competencia. “O deputado de Obras xa viu a situación sobre o terreo e o presidente xa foi informado en varias ocasións polo que só teñen que decidir se fan eles as obras ou nos achegan a financiación e acometemos nós o proxecto”, explicou Rey Martínez.
Canda o proxecto, o Concello de Frades enviará tamén un escrito da Asociación de Veciños Rexente de Ponte Carreira, que pide “o aranxo das beirarrúas dende o cruce ata o colexio, que ten pezas levantadas, zonas afundidas por un mal asentamento da beirarrúa e pode causar caídas”, lembrando que “é o paso único para ir ao colexio e á igrexa”.
PXOM
O Pleno tamén aprobou por unanimidade o envío da documentación complementaria solicitada pola Consellería de Medio Ambiente sobre o PXOM de Frades. Roberto Rey explicou que “solicitaron tres informes que inicialmente non nos pediran e que rematamos de recibir o pasado mes de decembro”. Os informes son do Ministerio de Industria, xa que hai unha empresa pirotécnica na zona, outro de Protección Civil sobre prevención de lumes forestais e outro de telecomunicacións.
Así mesmo, Frades tivo que volver a sacar o PXOM a exposición pública por un período de dous meses para que os Concellos limítrofes puideran presentar as súas alegacións. Neste caso, a exposición fora dun mes, polo que se volveu abrir o período de alegacións e se rexistraron as dúas presentadas inicialmente polos Concellos de Ordes e Mesía, que volveron ser desestimadas como a primeira vez.
A unanimidade tamén se mantivo na aprobación da ordenanza reguladora das bases da convocatoria de axudas ao transporte e ao ensino en Frades (que se manteñen nas mesmas cifras que anos anteriores: 150 e 70 euros) e do regulamento de ficheiros de carácter persoal do Concello de Frades.
O BNG abstívose da aprobación do Plan Orzamentario a Medio Prazo, Plan 2018-2020, unha obriga plantexada polo Goberno Central e que no caso de Frades “está caracterizado pola prudencia, tanto na previsión de gastos como na de ingresos”, explicou o concelleiro de Economía, Manuel Ferreiro. O concelleiro especificou que os crecementos previstos para o período 2018-2020 “son moi prudentes e só os incrementamos nun 1%”.