Friday 22 de November de 2024

O alcalde avoga por “rehabitar a cidade histórica” na apertura do VI Encontro Ibérico de Xestores do Patrimonio Mundial


Martiño Noriega inaugurou o congreso que se celebrará ata o venres no Museo das Peregrinacións e de Santiago e que está organizado pola Secretaría de Estado de Cultura, en colaboración co Consorcio, o Concello e a Xunta.

O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, participou esta mañá na inauguración do VI Encontro Ibérico de Xestores do Patrimonio Mundial, que se celebra no Museo das Peregrinacións ata o venres. As xornadas están organizadas pola Secretaría de Estado de Cultura, en colaboración co Consorcio, o Concello e a Xunta, e teñen como obxectivo analizar o impacto que ten o turismo no Patrimonio Mundial.

Durante a súa intervención na apertura do foro o alcalde lembrou a importancia que tivo, hai case 32 anos, a declaración de Santiago como Patrimonio Mundial da Humanidade pola UNESCO. Así, Martiño Noriega referiuse “ao proceso crecente de valoración do propio por parte da sociedade compostelá e galega, a poxección internacional e a consolidación de Santiago como destino de turismo cultural, e o pulo ás políticas de protección patrimonial a raíz desa declaración”. A partir dese recoñecemento, explicou, xurdiron ferramentas como “o Plan Especial da Cidade Histórica e a creación do Consorcio que está a celebrar o seu 25 aniversario”.

O alcalde tamén salientou que a declaración de Patrimonio Mundial da Humanidade “no caso de Santiago abrangue o conxunto da cidade histórica, non só os seus monumentos senón tamén as súas vivendas, as súas rúas e as súas xentes”. Por iso, dixo o rexedor, “o goberno local aposta por seguir traballando polo mantemento da poboación e rehabitación da cidade histórica”.

Martiño Noriega falou da necesidade de compatibilizar o turismo “que ten un enorme impacto positivo na cidade, pero que tamén supón enormes riscos”, coa vida na cidade histórica, “co mantemento do comercio tradicional, e cos servizos que precisa a veciñanza”. Por iso, o alcalde defendeu a moratoria nas licenzas hoteleiras que aprobou o executivo compostelán “para fixar poboación neste ámbito da cidade vella e evitar a masificación da oferta hoteleira, porque non queremos que a nosa zona histórica fique convertida nun parque temático”. Tamén co obxectivo de evitar a masificación na cidade vella, mostrou o desexo do Concello de “mover os fluxos de visitantes cara outros puntos máis alonxados da Catedral, porque en Compostela temos tamén marabillas máis descoñecidas como a Colexiata de Sar ou a Capela do Cristo de Conxo”.

Por último, Martiño Noriega mostrouse convencido de que o encontro que hoxe comeza “traerá conclusións de grande utilidade para avaliar o impacto do turismo e para planificar transversalmente un mellor futuro para as persoas que habitan a cidade”.

Encontro bianual
Na inauguración do encontro tamén participaron o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez; o director Xeral de Belas Artes e Patrimonio Cultural do Ministerio de Educación, Luis Lafuente Batanero; a directora xeral de Patrimonio Cultural do Ministerio de Cultura, Paula Silva; e a membro da Comisión Nacional da UNESCO de Portugal, María de Lurdes Serpa Carvallo.

O VI Encontro Ibérico de Xestores de Patrimonio Mundial ten como obxectivo realizar un diagnóstico sobre o impacto da actividade turística no mantemento da función residencial e da rehabitación das cidades históricas Patrimonio da Humanidade portuguesas e españolas. Ao longo de tres xornadas afondarase nos instrumentos de xestión que faciliten o necesario equilibrio das actividades hoteleiras e hostaleiras e as habitacionais, favorecendo igualmente a convivencia do comercio turístico co comercio tradicional de proximidade.

O congreso diríxese a responsables do planeamento e a xestión das cidades históricas Patrimonio da Humanidade españolas e portuguesas, tanto dende a perspectiva da estrita planificación e xestión urbanística como dende a turística.

O Encontro Ibérico de Xestores de Patrimonio Mundial é unha iniciativa que naceu no ano 2004 co obxectivo de estreitar vínculos entre os países da península Ibérica -España, Portugal e Andorra-, ligados pola súa historia, pola súa cultura e polos seu legados patrimoniais de enorme riqueza e diversidade. Con carácter bienal, cada país organiza unha convocatoria; e neste 2017 elixiuse a Compostela como sede Das xornadas con motivo do 25º aniversario do Consorcio de Santiago.