O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o director xeral de Administración Local, José Alberto Pazos, mantiveron unha reunión co novo presidente da Confederación Galega de Asociacións Veciñais (COGAVE), Eladio Fernández, na que reafirmaron o apoio do Goberno galego ao movemento asociativo veciñal en Galicia.
Durante a reunión, que tamén valeu como presentación do recente presidente, abordouse a posibilidade de traballar conxuntamente en eidos que a confederación considera fundamentais, como son a necesidade de priorizar actuación contra o desemprego, ampliar as axudas sociais ou a racionalización da administración pública, un asunto no que o Goberno galego leva traballando desde 2009.
Ao longo dos últimos anos a Xunta, a través da Consellería de Presidencia, Administracións Púbicas e Xustiza, vén mantendo unha interlocución e colaboración fluída con COGAVE, unha entidade que representa a máis de 400 asociacións veciñais de toda Galicia.
Boa mostra desta colaboración son os cursos que se teñen impartido na Egap para formar a máis dun cento de directivos veciñais ou o convenio asinado o pasado mes de setembro para levar a cabo diversas actividades en eidos como a cultura, medio ambiente, muller, mocidade ou deporte, entre outros.