Friday 22 de November de 2024

A Mancomunidade de Ordes recibe o primeiro premio Coopera Galicia por ConectaCIM, que facilita o acceso non presencial das usuarias do CIM


Roberto Rey salienta que con este proxecto “conseguimos que todas as mulleres poidan acceder a este servizo con independencia do Concello ou das súas circunstancias persoais, o que favorece a igualdade e a integración social”

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, presidiu hoxe a entrega dos Premios Coopera 2016, que teñen como obxectivo recoñecer a traxectoria de colaboración e os proxectos innovadores dos concellos galegos que buscan mellorar os servizos á cidadanía. Nesta edición, os tres proxectos galardoados foron impulsados por mancomunidades.

O primeiro premio recaeu na Mancomunidade da Comarca de Ordes, polo seu servizo Conecta CIM. A iniciativa aposta polo uso de novas ferramentas de comunicación para facilitar o acceso non presencial ás usuarias do Centro de Información á Muller. Deste xeito, a través da plataforma informática, poden solicitar citas, establecer conversas, ocultar a propia plataforma no dispositivo, e usala en zonas sen cobertura ou datos. Préstase así un apoio adicional a un ámbito prioritario para o Goberno galego como é a igualdade e loita contra a violencia de xénero.

Felicitacións ao CIM de Ordes

O presidente da Mancomunidade de Ordes, Roberto Rey Martínez, recolleu este premio, orzamentado en 40.000 euros, co que salientou que “conseguimos que todas as mulleres da comarca poidan acceder a este servizo con independencia do Concello onde viva ou das súas circunstancias persoais, o que favorece a igualdade e a integración social”. De feito, adiantou que “é un proxecto pioneiro que estudaremos implementar noutras, áreas xa que é un método innovador, cómodo e flexible”. Finalmente, Rey Martínez destacou o traballo levado a cabo polas traballadoras do CIM de Ordes, que atenderon a máis de catrocentas mulleres ao longo de 2016.

No acto celebrado na sede da EGAP en Santiago, o presidente da Mancomunidade de Ordes e alcalde de Frades estivo acompañado polos alcaldes de Ordes, José Luís Martínez Sanjurjo; Oroso, Manuel Mirás; Tordoia, Antonio Pereiro; Trazo, Xosé Dafonte, así como pola concelleira de Servizos Sociais de Cerceda, María Viqueira; a concelleira de Muller de Mesía, Pilar Sánchez; e o concelleiro de Seguridade Viaria de Oroso, Antonio Leira, que asistiu en representación da Deputación da Coruña. Tamén asistiron as traballadoras do Centro de Información á Muller da Mancomunidade de Ordes, encabezadas pola súa directora Nazaret González.

A iniciativa ConectaCIM foi destacada por todos os participantes no acto de entrega. Así, o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, indicou que este galardón é “un recoñecemento máis á Mancomunidade de Ordes e a un dos CIM que mellor funcionan en Galicia”. De feito, lembrou que a Mancomunidade ordense xa fora premiada no 2014 polo seu Centro de Atención Temperá, o que demostra que “quen fai as cousas ben, normalmente as segue facendo ben”. Sobre o proxecto ConectaCIM, Rueda salientou que “todo o que axude a que ás mulleres lles sexa fácil acceder aos servizos do CIM, que reduza a burocracia e garanta a confidencialidade é moi positivo”.

Un punto no que coincidiu coa secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abellá, quen felicitou aos concellos da comarca de Ordes por mancomunar o servizo do CIM, xa que “só 5 dos 80 existentes en Galicia están mancomunados e o de Ordes é o único da provincia”. López Abellá destacou que “agardamos que sexan máis para así poñer en valor os recursos humanos cos que contan estes centros”. López Abellá destacou que o proxecto ConectaCIM ofrece “unha mellora consistente na ampliación horaria e a posta en funcionamento dunha ferramenta informática que permita prestar atención non presencial ás usuarias, xestionar eficientemente a axenda de traballo e empregar outras canles de comunicación xa xeneralizadas entre a poboación”.

Outros premios

O segundo premio foi este ano para a mancomunidade de Terras de Celanova pola implantación do servizo de fisioterapia e podoloxía no programa de axuda no fogar. Con esta iniciativa, mellórase a calidade deste servizo, destinado a persoas maiores con déficits de autonomía ou con discapacidade.

Xa por último, a mancomunidade turística Terras do Avia recibiu o terceiro premio grazas á posta en marcha da súa aplicación turística. Trátase dunha guía virtual que persegue promover a beleza da comarca e divulgar os puntos de interese para axudar aos viaxeiros. Ademais, permite a xeolocalización do usuario para amosar os puntos de interese máis próximos á súa ubicación.

Os tres galardoados constitúen un exemplo de cooperación en beneficio dos veciños, que poden dispoñer de mellores servizos prestados de xeito eficiente e eficaz. Estas iniciativas de colaboración correspóndense tamén coa aposta decidida do Goberno galego por impulsar este tipo de proxectos, un apoio que se demostra en feitos como que a maioría das ordes de axudas a concellos da Xunta priorizan aos que ofrecen xestión conxunta; ou na posta en marcha do fondo de fusións en Galicia, que rexistrou as dúas únicas fusións de España no último cuarto de século.