Friday 22 de November de 2024

As minas de San Finx reciben a visita de 55 nenos e nenas de Coristanco e 35 membros da asociación Os Borrizos de Vilagarcía


As minas de San Finx recibiron durante a semana pasada a visita de noventa persoas en dúas excursións organizadas para coñecer o complexo mineiro lousamiano. Así, o pasado sábado 25 de marzo, as minas foron visitadas por 35 integrantes da asociación de mulleres rurais Os Borrizos, de Vilagarcía de Arousa, mentres que o luns 20 de marzo a visita correu a cargo de 55 nenos e nenas dun colexio de Coristanco.

En ambos casos, os visitantes comezaron a súa visita no museo, onde coñeceron a historia das minas e a súa evolución ao longo dos anos. Unha viaxe na que estiveron guiados pola técnico Maite Sobradelo, quen lles explicou a importancia que a extracción de estaño e de volframio tivo para Lousame e toda a comarca dende finais do século XIX ata despois da “febre do volframio” na posguerra civil española. Así mesmo, coñeceron o traballo realizado polo Concello de Lousame para rehabilitar e poñer en valor o patrimonio da mina de San Finx.