Friday 22 de November de 2024

As “mulleres” da rapazada de Centieiras acompañan desde esta semana ás meigas de Carme Romero


A mostra da ceramista fenesa permanecerá na Casa da Cultura ata o 7 de abril

O alumnado de educación infantil do CEIP Centieiras visitou hai tan só uns días a mostra “Meigas, sabias e mulleres boas”, da ceramista local Carme Romero, Ademais de admirar as pezas expostas e descubrir a verdadeira historia destes persoeiros, os nenos e nenas tamén levaron da Casa da Cultura a encarga de faceren as súas propias obras. O resultado xa está listo e desde este luns as pequenas figuras feitas en pasta polas criaturas poden verse no recibidor do centro cultural, onde acompañarán a obra de Romero ata o día 7 de abril.

“Meigas, sabias e mulleres boas” é unha mostra de cerámica policromada coas que a autora, Carme Romero, lle rende tributo a estes persoeiros femininos da tradición galega que pouco ou nada teñen que ver coas bruxas das películas e dos debuxos animados. De feito, a ceramista busca reforzar e recuperar a memoria colectiva ao respecto destes persoeiros, ameazados hoxe pola iconografía comercial do Halloween. “Estas son as meigas galegas e tiñan un papel importante de axuda na sociedade”,aseguráballe Romero hai algún tempo ao xornal.

A exposición abriu o 7 de marzo e uns días despois recibiu a visita duns 60 nenos e nenas dos primeiros cursos do CEIP Centieiras. Rapazada moi noviña á que Carme Romero lle explicou as diferenzas entre as meigas galegas e as bruxas da tele, ademais de falarlles sobre o proceso creativo das figuras.

Consellos valiosos que os nenos e nenas tiveron que poñer en práctica coa axuda das súas mestras e mestres co obxectivo de reproduciren algunha das pezas de Romero ou de elaborar a súa propia interpretación da figura feminina aproximándose o máis posible ao estilo da artista.

E abofé que cumpriron. Desde este luns o recibidor da Casa da Cultura -antesala da exposición das meigas de Romero- ofrece un rico mostrario de arte infantil con pequenas cabezas modeladas e pintadas de cores ben rechamantes. Á inauguración da exposición miúda -denominada “As nosas mulleres”- asistiron os nenos e nenas na compaña do profesorado e de varios pais e nais. Nela tamén estiveron Carme Romero, o edil de Cultura, Justo Rodríguez, e o alcalde, Juventino Trigo.

As dúas mostras convivirán na sala de exposicións temporais da Casa da Cultura ata o 7 de abril, logo de que a área de Cultura decidise ampliar uns días a exposición de Carme Romero. Os horarios de visita: de 10 a 13 e de 16 a 21.00h. de luns a venres e os sábados de 10 a 13.00h.

Tralas “Meigas, sabias e mulleres boas” chegará ao recinto expositivo a mostra fotográfica “Hábitats”, de Carlos López García Calrús, que estará aberta desde o 10 de abril até o 12 de maio.