Manuel Mirás e Enrique Cabaleiro salientaron o papel do Camiño no desenvolvemento económico, social e cultural de ambas vilas
Unha delegación do Concello de Tui, encabezada polo alcalde, Enrique Cabaleiro González, e a concelleira de Urbanismo e Facenda, Yolanda Rodríguez Rodríguez, visitou o Concello de Oroso, onde foron recibidos polo alcalde, Manuel Mirás Franqueira, e os concelleiros de Cultura, Luís Rey Villaverde; Turismo, Vanesa Boo Martínez; e Obras, Eduardo Veiras Rey. Unha visita que ambas partes aproveitaron para intercambiar experiencias sobre a recuperación, sinalización e promoción dos seus respectivos Camiños Xacobeos.
Manuel Mirás indicou que “con este tipo de intercambios de experiencias entre o Camiño Inglés e o Camiño Portugués estamos facendo máis grandes ambos Camiños” e confirmou que Oroso devolverá a visita para coñecer sobre o terreo as características do Camiño Portugués. O alcalde orosán destacou que a pesar de que as cifras de peregrinos no Camiño Inglés son as máis baixas dos Camiños Xacobeo, “tamén son as que máis crecen nos últimos anos. En 2016 se rexistraron 9.703 peregrinos, máis de 3.300 máis ca no último Xacobeo. E para este ano 2017 xa temos confirmadas reservas para máis de 2.500 persoas de grupos organizados”.
Pola súa banda, Enrique Cabaleiro apuntou que “sempre é importante intercambiar vivencias sobre os Camiños de Compostela, tanto en Oroso como en Tui. Compartimos problemas como o da sinalización e temos que buscarlles a mellor solución posible. Queremos que este nexo se consolide porque os Camiños de Santiago son fundamentais para o desenvolvemento económico, social e cultural de ambas vilas”.
Visita ao Camiño
E é que a pesar de tratarse de dous Camiños diferentes, Inglés e Portugués, ambas delegacións sorprendéronse de compartir os mesmos problemas. O principal deles: a sinalización do Camiño. Así, Manuel Mirás explicou que o trazado oficial do Camiño Inglés antes de entrar en Sigüeiro desenvólvese por unha pista de concentración parcelaria, cando hai evidencias de que o Camiño orixinal se desenvolve de maneira paralela, entre esa pista de concentración e a AP-9. Pola súa banda, Enrique Cabaleiro comentou que en Tui estase a promover o Camiño pola costa, esquecendo en parte o seu paso polo interior.
A comitiva percorreu varios tramos do Camiño Inglés ao seu paso por Oroso, en concreto no lugar de Baxoia e na entrada de Sigüeiro, polo paseo do Río Carboeiro. Así mesmo, tiveron a ocasión de coñecer emprazamentos como o castro de Vilalbarro ou a Fonte da Santiña, antes de visitar o Centro de Estudos e Investigación do Camiño Inglés, onde puideron coñecer o traballo que se desenvolve nesta entidade dirixida por Cristóbal Ramírez e distinguida cun dos galardóns dos Premios Camiño de Santiago 2016, convocados por Turismo de Galicia.
O CEICI, emprazado no centro cultural de Sigüeiro, é unha iniciativa do Concello de Oroso dirixida a investigadores sobre o Camiño Inglés, xa que conta cun importante fondo bibliográfico e audiovisuais sobre esta ruta Xacobea. Ramírez explicou que “o obxectivo é converter ao CEICI no referente en todo o que sexa investigación sobre o Camiño Inglés”. Así, explicou que o centro orosán conta con máis de 200 documentos, case un milleiro de fotografías de alta definición e vídeos curtos sobre a materia que están a disposición dos investigadores de maneira gratuíta. Así mesmo, o Concello de Oroso realizou unha selección de informacións en revistas e xornais sobre o Camiño Inglés, que foron catalogadas e ás que se pode ter acceso no local no centro cultural de Sigüeiro.
Ramírez explicou á delegación tudense as distintas accións promocionais que se desenvolven dende o CEICI para buscar a súa proxección tanto internacional, como o Certame Internacional do Camiño Inglés, como local, coas unidades didácticas sobre ilustres peregrinos repartidas entre o alumnado de Oroso ou o Punto de Información ao Peregrino na piscina municipal. Ademais, adiantou que “queremos facer un curso de verán dentro da UIMP, cuxa xestión está bastante avanzada”.
A delegación tudense levou como agasallo unha selección de dípticos, trípticos e folletos informativos sobre o Camiño Inglés, realizados tanto polo Concello de Oroso como pola Deputación da Coruña. Tras asinar no Libro de Honra do CEICI, o alcalde de Tui aproveitou para convidar á delegación orosá a visitar o Camiño Portugués ao seu paso pola localidade tudense.