Friday 22 de November de 2024

Unha vintena de persoas participaron este domingo en San Sadurniño na xornada sobre fructicultura autóctona organizada polo colectivo Herbamoura


A asociación Herbamoura en colaboración co Concello, o Sindicato Labrego Galego e a Asociación Galega de Froiteiras Autóctonas (AGFA do Eume) organizaron este domingo un encontro para ver as experiencias relativas á recuperación e posta en valor de castes froiteiras do país. O programa estivo centrado nunha parte teórica impartida na Casa da Xuventude e outra ao aire libre, na que as persoas asistentes visitaron a horta de conservación de froiteiras Carlos Fornos.
O obxectivo do encontro foi o de ver a maneira de reactivar a produción froiteira con castes propias e avaliar o seu potencial de futuro tanto na mesa como en alimentos tranformados: sidras, marmeladas, etc. A xornada abriuna a AGFA do Eume, unha das entidades con máis raizame na conservación de especies do país, que agora quere continuar avanzando cara á produción e transformación como paso lóxico da súa evolución no campo da fructicultura.
Un camiño que, en paralelo, tamén percorren entidades da zona das Mariñas e da Barbanza que acudiron a San Sadurniño para participar na xornada técnica. Como poñente a organización contou co experto Afonso Touceda, quen explicou as distintas cuestións que se deben ter en conta para promover unha plantación de froita que sexa viable economicamente.
A mañá finalizou -preto xa da tarde- na horta de conservación Carlos Fornos, onde as persoas participantes na convocatoria puideron ver a colección de variedades autóctonas coas que conta o Concello de San Sadurniño e tamén coñecer as actividades a prol da súa recuperación e posta en valor que a administración local desenvolve ao longo do ano en colaboración coa AGFA do Eume.