Monday 25 de November de 2024

San Sadurniño convoca axudas de carácter social por valor de 48.000 euros


A contía chegará aos 86.200 a través de convenios nominativos
O Boletín Oficial da Provincia deste luns publica as bases da convocatoria de axudas do Concello de San Sadurniño destinadas ao tecido asociativo e deportivo municipal, pero tamén a colaborar coas familias con bolsas de estudo e cos gastos de levar as criaturas á Escola Infantil Municipal A Rolada. No tocante a axudas para as entidades veciñais e clubs deportivos hai reservada unha partida de 23.000 euros, mentres que para bolsas escolares e conciliación o Concello habilitou 25.000. Porén, estas non serán as únicas vías de colaboración entre a administración local e os colectivos, posto que tamén se distribuirán outros 43.200 euros en convenios nominativos con clubs e asociacións que colaboran co Concello no mantemento de escolas e na organización doutras actividades.

O capítulo das axudas ás familias en forma de bolsas de estudo e subvencións para conciliación ascende a 25.000 euros, dos que 2.000 se reservan para posibles casos de emerxencia. Os outros 23.000 euros repartiranse en tres apartados: estudos obrigatorios -infantil, primaria e secundaria-, estudos postobrigatorios -bacharelatos, ciclos formativos e universitarios- e, por último, no destinado a cubrir parte dos gastos de asistencia dos nenos e nenas de 0 a 3 anos á Escola Infantil Municipal de San Sadurniño no presente curso 2016/17.

Por outra banda, o Boletín Oficial da Provincia tamén publica este luns 27 de marzo as bases correspondentes ás liñas de axuda destinadas a asociacións e clubs deportivos do municipio, que contan cunha partida total de 23.000 euros, divididos en 18.000 para cultura e 5.000 para deportes.

As bases específicas para cada apartado mantéñense practicamente igual que o ano pasado. Na convocatoria cultural só se introduciu un maior peso nas puntuacións para as actividades culturais de recuperación do patrimonio inmaterial, etnográfico, tradicional e musical, que poderán obter ata 1,5 puntos (antes eran 0,5).

Na convocatoria deportiva modificáronse os criterios de xustificación, xa que antes abondaba con presentar facturas polo total da subvención concedida e agora haberá que achegar xustificantes polo valor total da subvención máis un 20% do importe reflectido na solicitude, algo que xa viña funcionando así nas subvencións de Cultura.

Outra novidade nas axudas para clubs é a de incrementar as valoracións por razóns de igualdade, dando máis puntuación cantas máis fichas femininas e canta máis participación da muller nas directivas.

Estes cambios no articulado así como o resto do contido das bases que regularán a concesión e xustificación das axudas foron aprobados no Consello de Participación Veciñal do pasado mes de novembro.

As entidades culturais teñen ata o 26 de abril para presentar as solicitudes e as deportivas ata o 27.

Con todo, o montante total para Cultura e Deportes aínda será maior, xa que á parte da convocatoria en concorrencia competitiva o Concello tamén ten previsto suscribir convenios por valor doutros 43.200 euros co Aldebarán, co C.F. San Sadurniño, coa ANPA do CPI, con Biela e Chaveta, coa AGFA do Eume, coa Asociación Galega de Apicultura, coa Asociación agroecolóxica A Cortiña e coa Asociación Brío.

En total destínanse 86.200 euros a bolsas de estudo, axudas para a conciliación, subvencións culturais e deportivas e convenios con entidades. En palabras do alcalde, Secundino García, “en relación co orzamento e as posibilidades económicas que temos somos un dos concellos galegos que máis destina a apoiar o tecido asociativo e a educación”.