Friday 22 de November de 2024

A Xunta propón un campamento solidario á iniciativa Vacaciones Solidarias 2017 da Rede española de albergues xuvenís


No caso de que a proposta de Galicia resulte gañadora, 45 nenos e nenas de 9 a 12 anos que se atopen en situación de tutela ou garda da Administración autonómica, poderán pasar oito días no albergue de Gandarío (A Coruña)

A Xunta de Galicia presenta o campamento solidario Aventura en Gandarío como candidatura á iniciativa Vacaciones solidarias 2017 da Red española de albergues juveniles (REAJ). O obxectivo da mesma é reducir a desigualdade social facilitando que os nenos e nenas sen recursos económicos poidan beneficiarse dunhas vacacións en albergues da rede neste verán.

Deste xeito, o proxecto para o campamento que propón a Xunta nesta edición, vai dirixido a 45 nenos e nenas de 9 a 12 anos que se atopen en situación de tutela ou garda da Administración autonómica e en acollemento residencial. A través dunha estadía de oito días, os asistentes mellorarán a súa capacidade de adaptación e integración a través de actividades culturais e deportivas baseadas na cooperación e nos respecto cara os demais. Entre elas, destacan actividades de orientación, aulas de natureza, multiaventura ou xogos populares. Así mesmo, no campamento tamén se fomentarán os hábitos de vida saudables mediante a promoción dun estilo de vida activo e unha alimentación adecuada.

A Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, valora de xeito moi positivo esta iniciativa da REAJ, xa que pon a disposición da mocidade recursos de ocio e educación non formal, independentemente da súa situación económica.

A REAJ comunicará o proxecto gañador dos presentados polas Comunidades autónomas no vindeiro mes de maio.