A psicóloga, divulgadora e orientadora educativa Ana Torres Jack estivo na tarde de venres en San Sadurniño para presentar o seu libro “Máis aló do azul e do rosa. Como previr a desigualdade de xénero e a violencia machista desde a familia”. Editado por Galaxia, o libro é unha guía sobre como actuar na etapa da infancia e da adolescencia co obxectivo de librar a educación de estereotipos impostos tradicionalmente polo patriarcado sociocultural. Para a autora existen dúas chaves: predicar co exemplo e fomentar o pensamento crítico desde a infancia, é dicir, que a rapazada sexa consciente de si, que as relacións entre eles e elas estean presididas polo respecto e que en ningún caso se rixan por aquilo das “cousas de nenas” e “cousas de nenos”. Prexuízos pintados de azul e de rosa que case sempre promoven as persoas adultas e tamén case sempre sen se decatar.
“Máis aló do azul e do rosa” é un proxecto editorial de Galaxia impulsado por Francisco Castro aló polo ano 2015, cando contactou con Ana Torres tras ver unha das súas colaboracións con La Voz de Galicia. “Contactei con ela e propúxenlle a idea para traballar neste tema e un ano despois xa tiñamos o libro, que forma parte da colección Biblioteca de intervención social”, explicaba esta tarde o novo director xeral de Galaxia. Segundo Castro, as editoriais “tamén teñen que axudar a cambiar o mundo, intentar incidir na realidade”.
O libro saíu á rúa en decembro e xa está a piques de publicarse a súa terceira edición. A titular da área de Igualdade, Ana B. Gundín, destacou o seu valor como guía para previr comportamentos que, de non atallarse, despois se acentúan na adolescencia. Unha época “de rebeldía” na que xa é máis difícil mudar hábitos. A concelleira dixo, ademais, que o Concello lle vai entregar un exemplar á familia de cada nena ou neno que naza en San Sadurniño durante o 2017 e tamén ás familias con crianzas matriculadas na Escola Infantil Municipal A Rolada.
O éxito de “Máis aló do azul e do rosa” reside en que ten forma de guía, cunha linguaxe directa e concisa que vai ao miolo das cuestións importantes para a educación en igualdade no seo da familia. “En España a igualdade é un concepto legal, pero non real”, explicaba Ana Torres Jack antes da presentación. “Non educamos igual aos nosos fillos que ás nosas fillas, nin tampouco depositamos neles e nelas as mesmas expectativas. E despois, cando chegan á adolescencia, chámanos a atención que se reproduzan comportamentos machistas”.
O libro propón estratexias para evitar as desigualdades no proceso educativo que, unhas coas outras, continúan perpetuando a desigualdade de xénero na sociedade. Para a autora hai dous elementos chave sobre os que se debe traballar “un é dar un exemplo de igualdade na casa, na repartición de tarefas e da toma de decisións. A segunda chave para min sería o pensamento crítico, primeiro cara a nós mesmos para reflexionar sobre se lles estamos ofrecendo unha educación en igualdade aos nosos fillos e fillas, pero tamén para ensinarlles a ser críticos co que teñen arredor: cos xoguetes, co que ven na tele, cos medios e incluso na música”.
Ana Torres é tallante: “hai que educar desde o minuto cero. Hai que transmitir o importante que é quererse a un mesmo e logo [na adolescencia], á hora de ter unha relación, transmitir tamén o respecto á liberdade de cadaquén e a confianza”, en contraposición ás relacións tóxicas e de control “que nada teñen que ver co amor”. Algo difícil de conseguir se temos en conta que as mensaxes de dominio e de amor romántico e dramático -tipo Crepúsculo- “chegan con moita potencia desde os medios de comunicación e desde as letras do reguetón”. Un escenario no que é importante “o pensamento crítico. Que os rapaces e rapazas analicen o que ven e oen”.