Saturday 16 de November de 2024

Oroso acolle este domingo a proba ciclista en estrada II Memorial Fernando Abad, organizada polo Club Ciclista Tambre Bike


As inscricións faranse hora e media antes da saída, programada ás 11:00 horas, e este ano tamén poderán participar corredores Júnior

Oroso acollerá este domingo 26 de marzo, entre as 11:00 e as 13:30 horas, a proba ciclista en estrada II Memorial Fernando Abad, organizada polo Club Ciclista Tambre Bike e que conta coa colaboración do Concello de Oroso. Unha proba cun percorrido duns 78 quilómetros con saída e chegada na rúa da Cultura de Sigüeiro. As inscricións poderán facerse dende as 9:30 horas do domingo no centro cultural de Sigüeiro e este ano, como novidade, poderán participar os corredores da categoría Júnior que o desexen, ademais dos Máster 30, 40 e 50/60.

Esta proba leva o nome do fundador do club ciclista orosán, tristemente falecido hai dous anos mentres practicaba o seu deporte favorito, e contará cun percorrido común para todos os ciclistas de 25 quilómetros polas parroquias de Gándara, Villarromarís, Senra, Cardama e Oroso. Despois daranse dez voltas a un itinerario circular (Junior, Master e 40) e 8 voltas (Master 50/60) pola rúa Camiño Inglés, rúa da Cultura, Avenida de Grabanxa, DP-3801 e polos lugares de Penateixa, Igrexa, Oroso de Abaixo, Oroso Pequeno e Polígono Industrial. Dende o Tambre Bike agardan a participación duns 150 ciclistas.

Restricións de tráfico

O Concello de Oroso informa de que as rúas e estradas incluídas no circuíto da proba terán cortes de tráfico ao paso da carreira, entre as 11:00 e as 13:30 horas. Así mesmo, as rúas Pablo Iglesias, Deporte, Pontevedra, Vigo e Campo estarán pechadas ao tráfico durante a proba e só se permitirán pasos intermitentes de vehículos se o discorrer da proba así o permite. Polo tanto, dende o Concello se recomenda aos veciños e veciñas que precisen saír ou entrar cos seus vehículos o fagan antes das 11:00 horas.

Finalmente, o Concello tamén informa da prohibición de estacionar nas rúas Camiño Inglés, rúa da Cultura e avenida da Grabanxa (entre os números 29 e 31, e enre os números 40 e 46) entre as 7:00 e as 14:00 horas do domingo 26 de marzo.