Monday 25 de November de 2024

O Concello de Brión conmemorará este luns o Día do Teatro co espectáculo “O Xigante”, da compañía Elefante Elegante


O acto, que terá lugar ás 18:00 horas na sala infantil da Biblioteca Municipal de Brión, contará coa presenza do secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo

O Concello de Brión conmemorará este luns 27 de marzo, Día Internacional do Teatro, coa celebración do espectáculo “O Xigante” a cargo da compañía Elefante Elegante. Unha obra dirixida a un público infantil de entre 3 a 8 anos de idade e que se celebrará na sala infantil da Biblioteca Municipal de Brión. A entrada é libre e de balde ata completar o aforo.

O acto contará coa presenza do secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, xa que esta actividade forma parte do programa Ler conta moito, que promove a Xunta de Galicia en colaboración cos concellos. “O Xigante”, interpretado por Gonzalo Guerreiro, é un espectáculo baseado nun conto de Óscar Wilde no que conviven o cómico e o poético, a forza da palabra e a elocuencia do xesto, a plasticidade da manipulación dos obxectos coa evolución do dispositivo escenográfico. Unha narración oral acompañada polo teatro xestual e pola constante presenza da música.