Saturday 16 de November de 2024

O Parque de Educación Viaria de Fene fai dez anos


Desde 2007 levan pasado polas instalacións máis de 12.000 persoas

O 25 de marzo de 2007 inaugurouse oficialmente o Parque de Educación Viaria. Un recurso educativo que naceu para darlle resposta á demanda dunha formación transversal en materia de seguridade do tráfico coa que traballar desde a infancia na prevención de accidentes. Dez anos despois o parque segue sendo o principal referente neste ámbito para os centros de ensino da comarca e mesmo do resto da provincia. De feito, desde 2007 levan participado nas súas actividades máis de 12.000 persoas, na súa maioría nenos e nenas de entre 3 e 12 anos, aínda que tamén persoas doutras idades que asistiron a sesións específicas impartidas nas instalacións.

O Parque de Educación Viaria de Fene está situado no edificio principal e na contorna inmediata do antigo apeadoiro de RENFE en Barallobre. Trátase dunha parcela pechada de 2000 m2 dotada de dependencias para formación e dun circuíto homologado de 800 metros no que se poden simular a escala a práctica totalidade de situacións e elementos que se atopan na circulación: estradas de dous carrís, pasos peonís, rotondas, prazas de aparcadoiro, beirarrúas, sinais horizontais e verticais, etc.

Canda á infraestrutura o parque tamén conta cun proxecto pedagóxico e equipamento específico: karts de pedais e eléctricos, bicicletas, triciclos, patíns, chalecos, cascos e todo o necesario para que a rapazada poida conducir igual que a xente maior e por en práctica as normas básicas que rexen tanto a seguridade do tráfico rodado como a do peonil.

As sesións adoitan durar arredor de 2 horas. Nunha primeira parte ofréceselles aos nenos e nenas unha clase teórica apoiada con materiais audiovisuais e didácticos adaptados a cada idade. Despois pasan ás prácticas en quendas que lles permitan a todos e todas meterse no papel de viandantes e de persoas que guían coches ou calquera vehículo de dúas rodas.

O Parque de Educación Viaria naceu para dar resposta formativa á demanda dunha disciplina transversal nos centros escolares “como mellor maneira de combater as mortes e lesións irreversibles por causa dos accidentes de tráfico”, tal e como indican desde a área de Ensino. Un obxectivo sobre o que se traballa tendo en conta que os nenos e nenas son tamén unha parte da circulación -nas beirarrúas, nas bicis, nos patíns, etc.- e que serán condutores e condutoras de coches e motos no futuro, ademais de axentes imprescindibles para concienciar ás persoas adultas.

O parque inaugurouse o domingo 25 de marzo de 2007 tras cinco anos de maduración da idea, de trámites e, finalmente, de obras. Foron necesarios 240.000 euros de investimento achegados polo Concello e pola Deputación da Coruña. Ao acto inaugural -que foi seguido dunha semana de portas abertas- asistiron representantes dos centros de ensino, veciñanza, o pintor Eduardo Hermida, o xefe provincial de Tráfico e membros das corporacións municipal e provincial, encabezados polo daquela alcalde, Xosé María Rivera Arnoso, e por Xaime Bello, vicepresidente da Deputación da Coruña.

Desde 2007 levan pasado polas instalacións máis de 12.000 persoas. Maiormente foron nenos e nenas, pero tamén mocidade e xente adulta, xa que o centro acolleu diversos cursos durante este tempo: un de teoría sobre o uso do ciclomotor, outro de educación viaria para a terceira idade, varias xornadas sobre o uso de chalecos reflectantes ou o acto provincial co gallo da III Semana Mundial da Seguridade viaria celebrado en maio de 2015.

As reservas do Parque de Educación Viaria deben solicitarse a través do rexistro xeral do Concello ou da Sede Electrónica presentando cuberta a correspondente ficha. Os centros de ensino de Fene e da comarca adoitan reservar datas ao comezo do curso, por iso é importante contactar antes co departamento de Cultura -981 340 366- para ver a dispoñibilidade das instalacións.

Os grupos poden ter, como máximo, 25 participantes. Porén, se algún colexio quere vir con máis clases tampouco habería problema. Existe a posibilidade de completar a reserva cunha visita ao Museo do Humor, de maneira que mentres un grupo se encontra no parque o outro estaría participando en actividades no museo.