Carlos Negreira reuniuse con todas as adxudicatarias do proxecto, tanto coas empresas da UTE encargada do desenvolvemento da plataforma tecnolóxica, coma coas adxudicatarias dos proxectos pilotos que compoñen Coruña Smart City
O alcalde, Carlos Negreira, reuniuse na Ágora con todas as adxudicatarias de Coruña Smart City, coincidindo co ecuador do desenvolvemento do proxecto de cidade intelixente. Durante o encontro, o primeiro edil recalcou o esforzo e a ilusión que puxeron neste proxecto todas as partes, e no que as empresas implicadas empregarán máis de 220.000 horas de traballo para completar os proxectos que permitirán ofrecer novos servizos ao conxunto dos cidadáns, en áreas tan singulares como a auga, o medio, a mobilidade, as xestións coa administración ou o ocio e o turismo.
Carlos Negreira sinalou que no proxecto participan máis de 40 empresas relacionadas co sector tecnolóxico, un dos máis importantes da cidade. De feito, o alcalde recordou que A Coruña e a bisbarra acaparan o 53% de todo o emprego tecnolóxico que hai en Galicia, con máis do 44% das empresas do sector. Co desenvolvemento de Coruña Smart City, estamos a posibilitar que estas empresas entren e se manteñan nun sector tan puxante como este, xeren nova actividade económica e novo emprego”, engadiu.
Carlos Negreira recalcou que Coruña Smart City é un proxecto transformador de toda a cidade, que permite e dá máis posibilidades cidadáns. As xestións para transformar A Coruñanunha cidade intelixente iniciáronse en 2011 e que na actualidade o proxecto se encontra no ecuador da súa execución. Os proxectos pilotos xa están en desenvolvemento “despois de facer todo o traballo interno necesario para crear unha plataforma tecnolóxica única en España, que permite almacenar e xestionar os miles de datos que todos os días se producen na cidade,”.
Dos 14 proxectos pilotos, 10 están xa a executarse, dous están a punto de adxudicarse e outros encóntranse en fase de licitación.
O obxectivo é que nos próximos meses os cidadáns empecen a visualizar e a gozar das melloras que ofrecerán estes proxectos pilotos. Segundo o alcalde, no primeiro semestre de 2015 estarán rematados o “90% dos proxectos pilotos”, e o 10% restante ao longo do próximo ano. Unha vez listos, os veciños terán accesos a novos servizos, como o feito de que “o Concello estea dispoñible 365 días ao ano para o cidadán” dende a súa propia casa, a través do piloto de administración electrónica; melloras en mobilidade; sistemas para a detección de fugas en toda a subministración da auga ou dispositivos para controlar a calidade da auga antes de captación. “Estamos a falar dun novo modelo de xestión para todos os sectores da cidade”, manifestou o primeiro edil.
Carlos Negreira adiantou que o proxecto de Coruña Smart City non remata cando finalice a execución dos 14 proxectos piloto, senón que o Concello xa está a traballar en novas iniciativas “que nos permitan engancharnos ao futuro”. Para iso, o goberno local deseñou catro novos proxectos de Coruña Smart City que se presentarán ás convocatorias do próximo ano para a repartición de fondos, tanto por parte do Ministerio de Industria como da Unión Europa, e que o alcalde tivo a oportunidade de presentalo ao secretario de Estado de Telecomunicacións e Sociedade da Información, Víctor Calvo-Sotelo, na súa visita á cidade en outubro.
O proxecto, iniciativa do Concello da Coruña e Emalcsa como solicitante, conseguiu, coa súa novidosa proposta, un cofinanciamento dun 80% dos fondos FEDER, para un total de 11,5 millóns de euros. O proxecto deseñouse en dúas fases, a primeira fase, adxudicada en abril do ano pasado á UTE formada por Altia,Ilux, Indra e R, consistiu no deseño e posta en marcha da plataforma tecnolóxica, á que se chama o cerebro da cidade.
Os 10 pilotos que se encontran en fase de execución son: o piloto de párking intelixente, eventos multicanles, sistema de calidade de augas e alerta temperá, telexestión de contadores, telexestión de redes de abastecemento, eficiencia enerxética en edificios municipais, rego intelixente, sistema de visitas guiadas, administración electrónica e sistema de calidade de aire e ruído. A estes dous hai que sumar os dous proxectos que están a punto de adxudicarse: o de mellora enerxética na ETAP da Telva e un sistema de optimización do tráfico. Os 14 proxectos piloto completaranse cos dous que acaban de saír a licitación: o de interacción cidadá e o BIO.
Dende a súa posta en marcha, o proxecto recibiu importantes recoñecementos como o de Mejor iniciativa dunha administración por parte dos Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia; pero tamén por parte do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia; o recoñecemento da Fundación Lintel; a declaración como Cidade da Ciencia e a Innovación; ser elixida 1 das 6 finalistas de entre as 200 iniciativas presentadas, na categoría de proxectos dos World Smart Cities Awards, consolidando A Coruña como unha cidade referente do noroeste español; ou máis recentemente, Mención de Honra á mellor Compra Pública Innovadora 2014 por parte da Comisión Europea que recoñece os procesos de contratación e compra de servizos e produtos máis innovadores de Europa.