Saturday 16 de November de 2024

Medio Ambiente analiza cos representantes dos tecores de Galicia as medidas para paliar os danos causados polo xabaril


A primeira reunión celebrouse na Coruña, e nela participaron representantes de toda a provincia, na que se levan rexistrados 471 ataques nos últimos 15 meses

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, participou no primeiro dos encontros promovidos pola Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio cos representantes dos terreos cinexéticamente ordenados (tecores) para analizar os datos e repasar protocolos para afrontar os danos agrícolas producidos polo xabaril. Estas reunións están previstas nas catro provincias galegas, sendo a de onte, a celebrada no edificio administrativo da Xunta na Coruña, a primeira das establecidas.

Segundo os datos que manexa a consellería, desde xaneiro do 2016 rexistráronse na provincia 471 ataques atribuídos ao xabaril. Os concellos onde se ten constancia dunha maior incidencia foron, neste período de cinco meses, Ribeira (35 casos), Ortigueira (23), Porto do Son (16), Rianxo (15), Santiago de Compostela (14), Santiso (12) e Sada (9). Completan a lista outros 21 concellos con entre oito e un ataques rexistrados.

O delegado territorial convidou aos asistentes a “sumar forzas en torno ao Plan de acción para incidir na súa eficacia, pero sen virarlle as costas ao respecto debido ao medio”. Ovidio Rodeiro escoitou con interese as opinións aportadas tanto polos representantes dos tecores como polos responsables de explotacións agrícolas que tamén responderon á chamada da consellería.

Esta xuntanza inscríbese na aposta polo diálogo continuo e fluído entre as disintas administracións e organizacións mediante un Plan de acción global, cun grupo específico de traballo no que están presentes as consellerías de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Infraestruturas e Vivenda e Medio Rural; o Ministerio de Fomento; a Dirección Xeral de Tráfico; a Garda Civil de Tráfico; e Federación Galega de Caza

O Plan está articulado ao redor de catro eixos: accidentes de tráfico, danos producidos na agricultura, xestión e aproveitamento da especie, e educación e formación. O obxectivo fundamental é previr e minimizar os danos que causa esta especie na comunidade autónoma, ao tempo que se preserva a conservación destes animais. Conta cun investimento por parte da Xunta de 1,3 millóns de euros.