Friday 22 de November de 2024

Quérote+ falaralles ás familias de San Sadurniño sobre a sexualidade da mocidade


A actividade -que ten aberto o prazo de inscrición- forma parte da Escola de familias organizada polo Concello e o CPI
O sexo foi, de sempre e en xeral, un tabú. Que erga a man o primeiro ou primeira maior de 30 ou 40 anos a quen o seu pai ou a súa nai lle falase na adolescencia sobre a masturbación, sobre as ETS, sobre o uso de anticonceptivos, etc. Seguro que haberá mans erguidas, pero serán as menos. Como dicimos, falar de sexo con naturalidade foi tradicionalmente un tabú que agora, por sorte, vai quedando atrás. Con todo calquera axuda, calquera coñecemento e calquera consello son moi útiles para tratar a cuestión coas nosas fillas e fillos. Esa é unha das misións dos centros Quérote + da Xunta de Galicia, que ofrecen obradoiros relacionados, entre outros temas, coa afectividade e co desenvolvemento dunha vida sexual sana, especialmente na adolescencia e a mocidade. Na tarde do 6 de abril ofrecerán unha sesión en San Sadurniño dirixida a pais e nais que teñan na casa rapazada desa idade e incluso máis pequena. O prazo de inscrición está aberto até o día 30 de marzo e fan falla alomenos 12 persoas apuntadas para que se leve a cabo.

O obxectivo deste obradoiro é crear un espazo no que nais e pais poidan expresar as súas inquedanzas, dúbidas e dificultades para abordar a cuestión coa rapazada. O que se busca é establecer un foro de reflexión sobre un tema, o da sexualidade, do que poucas veces se fala abertamente cos fillos e fillas.

Este obradoiro estará enmarcado dentro do programa Escola de familias coordinado entre o Concello e o CPI de San Sadurniño, aos que nesta ocasión se une persoal de Quérote+, un servizo dirixido principalmente á mocidade -aínda que atende consultas de calquera idade- que naceu hai case unha década vencellado á Dirección Xeral de Xuventude da Xunta de Galicia.

Quérote + ten profesionais con capacitación en medicina, psicoloxía, traballo e educación social, enfermaría, etc. que ofrecen un servizo gratuíto, anónimo e confidencial ao que poden acudir os rapaces e rapazas para consultar dúbidas de todo tipo ao respecto da súa sexualidade, da afectividade, da autoestima, etc. Nos seus centros mesmo é posible facer tests de embarazo e probas rápidas do VIH. Ademais tamén ofrecen a posibilidade de contactar a través de whatsapp/telegram no 647 018 752 ou por videoconferencia na conta querotemais.videochamada@gmail.com.

Co programa “Redes familiares” -no que se encadra a actividade de San Sadurniño- preténdese dar a coñecer os servizos de Quérote+ e crear un espazo no que nais e pais poidan expresar as súas inquedanzas, dúbidas e dificultades, no que poidan aprender conxuntamente sobre a sexualidade infantil e xuvenil.

“Redes familiares: a sexualidade de fillas e fillos” desenvolverase o 6 de abril entre as 15.30 e as 17.00h. nunha das aulas do CPI de San Sadurniño. As inscricións poden facerse ata o 30 de marzo nos teléfonos 881 930 489 -secretaría do centro- ou no 981 490 027 ext.1. Tamén se poden formalizar a través do correo veronica.rodriguez@sansadurnino.gal. Para que este obradoiro saia adiante serán necesarias alomenos 12 persoas inscritas.