Charlas, demostracións, talleres e torneos de xogos online sucederanse durante tres días na instalación municipal
Esta fin de semana (do 14 ao 16 de novembro) a Casa da Xuventude de Riveira albergará a cuarta edición da lan party Uxianet 1.4: unha cita que na súa cuarta edición se consolida definitivamente, con previsións de poder alcanzar a significativa cifra dos cen participantes.
A cita foi presentada este mediodía polos concelleiros de Xuventude e Novas Tecnoloxías, Aroa Fernández e Emilio Pérez, ademais de tres representantes da asociación Birus (Gustavo Llovo, presidente; Hadrián Lorenzo, secretario; e Fernando Ferro, tesoureiro), unha entidade colaboradora que velará polas cuestións técnicas no desenvolvemento deste gran evento das novas tecnoloxías.
Inscrición
Os comparecentes no acto de hoxe destacaron a tendencia á alza desta iniciativa, nacida no ano 2010 con pouco máis de 20 participantes e que na súa terceira edición celebrada o ano pasado (hai que ter en conta que en 2012 non se puido celebrar) xa convocou a 70 persoas. Esta vez preténdese chegar aos cen participantes, dos cales a metade serán conferenciantes, axentes colaboradores, voluntarios, etc… en tanto que as outras 50 prazas convocadas están á venda a un prezo de 9 euros. Os interesados en anotarse poden facelo na páxina web uxianet.eu.
O recinto da lan party estará distribuído en dúas zonas. Así, por un lado haberá unha parte “privada”, destinada aos participantes cos seus equipos. Neste caso, aqueles que veñan de fóra (xa hai confirmado un nutrido grupo de asistentes de Vigo e A Coruña, e incluso persoas procedentes doutras comunidades autónomas) terán a posibilidade de pernoctar no albergue situado na propia Casa da Xuventude.
E ademais haberá unha parte de acceso libre e gratuíto para calquera persoa composto polas accións complementarias que se sucederán ao longo da lan party. Neste senso, haberá un ciclo de charlas sobre fotografía dixital, tratamento de imaxes e preimpresión; falarase sobre redes P2P; e desenvolveranse talleres sobre programación Android, programación web e, previsiblemente, programación de xogos multiplataforma (este último está pendente de concretar).
Montaxe de impresora 3D
Unha das actividades máis novidosas deste ano será a montaxe completo in situ dunha impresora en 3D, dando continuidade así á demostración que tan expectación causara o pasado ano acerca de como funciona un destes innovadores aparatos.
Ademais haberá unha demostración sobre utilización de sistemas de radioafeccionados a través de equipos informáticos e desenvolveranse torneos de xogos online, un dos cales estará patrocinado por Riot Games.
En canto as especificacións técnicas da lan party, a rede externa contará con 200 megabytes de baixada e 20 de subida; mentres que a rede interna disporá dunha nada desprezable cifra de 1.000 megabytes, tanto de subida como de baixada.
Por último, cómpre salientar que, como ven sendo habitual, a meirande parte dos participantes na iniciativa irán chegando máis ben á última hora do venres ao ser este un día de carácter laborable.