O centro cultural de Sigüeiro acolle ata o próximo 31 de marzo unha exposición de 22 obras do pintor estradense Manuel González Vigo. Unha colección na que predomina o estilo costumista e a técnica do óleo, aínda que tamén está presente algunha creación de técnica mixta.
Como é habitual na obra do pintor estradense, na mostra predominan os cadros inspirados no rural tradicional galego, dende paisaxes con cultivos ata vacas de distintos estilos: realistas, impresionistas… A mostra poderá visitarse no centro cultural de Sigüeiro ata o 31 de marzo de luns a venres, en horario de 9:30 a 13:30 horas e de 16:30 a 21:00 horas, e o sábado de 10:00 a 13:00 horas.
Manuel González Vigo, natural de Santo André de Vea (A Estrada) é un pintor autodidacta que ten a súa casa obradoiro en Callobre. Especialista en murais, traballa ao óleo, acuarela, carbón, tinta chinesa e técnicas mixtas. Na súa obra predomina o estilo costumista. Nos anos setenta e oitenta realiza diversas exposicións en bares e centros culturais de Barcelona, Dortmund e Frankfurt. De volta en Galicia, ten exposto nas galerías Sargadelos da Estrada e de Ourense, no Museo Paco Lareo (Vila de Cruces), nos Liceos de Pontevedra, Ourense e A Coruña, e no café casino de Santiago de Compostela, entre outros.