Saturday 16 de November de 2024

O Club Tambre Bike presenta a súa nova sección de atletismo en Oroso, que nace cunha quincena de atletas


Concello e Federación Galega de Atletismo ofreceron toda a súa colaboración a esta nova sección que vén cubrir a única modalidade deportiva que faltaba no municipio

O alcalde de Oroso, Manuel Mirás, e o presidente da Federación Galega de Atletismo, Isidoro Hornillos, acompañaron o pasado venres ao presidente do Club Tambre Bike, Amancio Espiñeira, durante a presentación en sociedade na nova sección de atletismo do club. Unha nova sección que nace cunha quincena de atletas e co reto de ser o embrión dunha nova escola deportiva en Oroso.

Manuel Mirás volveu salientar “como medra o deporte en Oroso. Despois da gran acollida da nosa Carreira Pedestre e da gran afección polo running en Oroso, non podía faltar un club para o atletismo. Esperemos que de aí poida nacer unha escola para os nosos rapaces”. O alcalde desexoulles os mellores éxitos ao Club Tambre Bike, a quen agradeceu tamén a súa colaboración con eventos que organiza o Concello, como a Carreira Pedestre, ou organizando competicións como o Memorial Fernando Abad, que terá lugar este domingo 26 de marzo, a Ruta da Troita ou o primeiro trofeo Concello de Oroso de XC Rallye, que terá lugar en xuño e será puntuable para o campionato galego de BTT.

Pola súa banda, Isidoro Hornillos amosou o seu apoio á nova sección de atletismo en Oroso pois “desta maneira, aumenta o tecido atlético galego, tanto en licenzas de deportistas coma de clubes. Dende a FGA desexamos o mellor dos éxitos a esta nova entidade”. Así mesmo, falou da posibilidade de traer este ano unha proba federada ao concello de Oroso.

A familia do Tambre Bike estivo acompañada tamén polos concelleiros de Deportes, Luís Rey Villaverde, e Seguridade Viaria, Antonio Leira; así como polo voceiro do grupo municipal do PP, Alexander Doval; e Francisco Martínez, representante da Federación Galega de Ciclismo.

II Memorial Fernando Abad

Este domingo 26 de marzo terá lugar a segunda edición do Memorial Fernando Abad, organizado polo Club Ciclista Tambre Bike para homenaxear ao seu fundador, tristemente falecido mentres practicaba ciclismo. Unha proba ciclista en estrada cun percorrido de 78 kms con saída e chegada en Sigüeiro. As inscricións pódense realizar hora e media antes da saída, prevista para as 11:00 horas. Este ano poderán participar tamén os corredores da categoría Junior que o desexen. Haberá un percorrido común de 25 kms e despois varias voltas a un circuíto circular.