Saturday 16 de November de 2024

Xulio Cid Neira presentou en Brión o seu último libro de poesía “Expreso e outros poemas da vía”


A Sala Municipal de Exposicións de Brión acolleu na noite do pasado venres a presentación do último libro do autor ourensán, afincado en Ames, Xulio Cid Neira. Un acto co cal o Concello de Brión conmemorou por anticipado o Día Mundial da Poesía, unha efeméride que a proposta da UNESCO se celebra cada 21 de marzo.

Baixo o evocador título de “Expreso e outros poemas da vía” (publicado en 2016 polo selo editorial Círculo Rojo), Xulio Cid guía ao lector a través dos seus versos polos camiños de ferro que conducen a Ourense-Empalme, “a estación perdida onde unha vez a viaxe comezou”. Un traxecto de ida e volta aos recordos de nenez e mocidade dun autor que medrou no barrio auriense de o Pino, aos pés da liña ferroviaria.

O rexedor brionés, José Luís García, foi o encargado de abrir o acto. O alcalde agradeceu a Xulio a súa iniciativa e destacou o compromiso do goberno municipal coa cultura; unha aposta que nesa mesma xornada se traduciu nunha actividade de dinamización na biblioteca, unha presentación bibliográfica e un concerto da Escola Municipal de Música.

O poeta estivo acompañado polo profesor Xesús María Sambade, que complementou o discurso de Xulio con varias intervencións ao longo do acto. Numerosas imaxes e pequenos fragmentos musicais enriqueceron unha presentación evocadora, amena e didáctica; cargada de referencias á arqueoloxía e á historia, á literatura e ás artes, sempre co ferrocarril coma fío condutor.

Ao remate do evento, o autor dedicou exemplares asinados do seu libro a todos os asistentes que llo solicitaron. Un deles, cortesía de Xulio Cid Neira, xa está dispoñible no fondo bibliográfico da biblioteca pública municipal.