Centos de veciños e veciñas encheron durante onte domingo o pavillón polideportivo de Abellá (Frades) para participaren na sexta edición da Festa da Filloa e da Cachucha, organizada pola asociación de veciños “Os Labregos” de Abellá e que contou coa colaboración do Concello de Frades, cuxo alcalde Roberto Rey Martínez participou no evento. Unha festa que comezou a mediodía e que rematou ben entrado o serán.
A festa contou coa participación do filloeiro de Lestedo, que repartiu filloas entre os presentes por un módico prezo. Entre todos os consumidores sorteáronse dúas cestas de produtos achegadas pola asociación de veciños “Os Labregos” de Abellá. A música correu a cargo dos gaiteiros Os Viqueiras de Ordes e do trío musical Alborada.