Friday 22 de November de 2024

O Concello de Lousame reduce ata os 10,43 días o seu período medio de pago a provedores


O pleno aprobou por unanimidade dúas mocións do PSOE, para reinvestir no concello o superávit de 2017, e do PP, instando á Xunta a poñer en marcha un pacto pola conciliación e a corresponsabilidade

O Concello de Lousame celebrou na noite do venres a súa sesión plenaria ordinaria do mes de marzo, caracterizada polo debate de ata oito mocións dos grupos municipais. De feito, a única parte que con se correspondeu con mocións foi a dación de conta do período medio de pago do cuarto trimestre de 2016, que foi de 10,43 días. Neste sentido, a alcaldesa Teresa Villaverde amosouse moi satisfeita xa que “melloramos moito o período medio de pago a provedores, baixándoo ata os 10,43 días, unha cifra moi por debaixo das esixencias legais e moi por debaixo de trimestres anteriores”.

No debate das mocións, o grupo do Partido Popular sacou adiante as súas dúas propostas. A primeira delas foi aprobada por unanimidade e nela se insta á Xunta de Galicia, en colaboración coa FEGAMP, a promover un pacto pola conciliación e a corresponsabilidade no ámbito da vida laboral, familiar e persoal nos concellos galegos.

Plan Único

A segunda moción foi aprobada cos 6 votos a favor do PP e os 4 votos en contra de PSOE e BNG (xa que o Partido da Terra ausentouse do debate das dúas mocións do PP). Nela, o Concello de Lousame insta á Deputación da Coruña a garantir como mínimo que o Concello de Lousame non verá minguadas en 2017 as achegas que recibiu do entre provincial en 2016 e a que inclúa os remanentes de tesourería que se vaian xerando ao longo do exercicio de 2017.

Esta moción motivou a repetición do debate celebrado na sesión plenaria extraordinaria na que se aprobou o Plan Único. O voceiro do PSOE, Julio Paradela, asegurou que “o Concello de Lousame non vai recibir menos cartos ca en 2016” e volveu acusar á alcaldesa de xogar cos números porque “fala do 2016 pechado e o compara co 2017 cando só levamos o primeiro trimestre”. Pola súa banda, o voceiro do BNG, Amador Turnes, pediulle á alcaldesa que “se a 30 de decembro a cousa é diferente, o faga saber”.

Teresa Villaverde ofreceu aos voceiros retirar toda a argumentación da moción e deixar só a parte resolutiva, “que non é máis que pedirlle á Deputación que garanta que o Concello de Lousame vai a recibir en 2017, cando menos, o mesmo que recibiu en 2016 porque a día de hoxe temos garantidos 107.000 euros menos”. Así mesmo, reafirmouse en que “estamos falando con datos a día de hoxe, se se iguala ao final de ano ou mesmo se superan as cantidades de 2016 eu non terei problema en recoñecelo e felicitarnos todos porque o que quero é que haxa máis recursos para os veciños e veciñas de Lousame”.
Superávit

Pola súa banda, o grupo municipal socialista retirou a súa moción sobre as Tesourerías Municipais, “xa que o Goberno recuou”, apuntou Julio Paradela. Ademais, presentou unha moción de urxencia para instar á Xunta a actuar cos mesmos criterios de transparencia da Deputación Provincial que non chegou a debaterse ao non superar o trámite de urxencia.

Pola contra, os socialistas sacaron adiante por unanimidade a súa moción sobre a reinversión do superávit municipal de 2017, logo de ser emendada en pleno a suxerencia da Secretaria Municipal. Inicialmente, os socialistas pedían que se permitira ao Concello de Lousame reinvestir o superávit de 2017 sen necesidade de xerar novos ingresos polo mesmo importe. A Secretaria Municipal explicou que esa esixencia xa non está vixente ao non existir nestes momentos Lei de Orzamentos, polo que o acordo final foi solicitarlle ao Goberno que permita reinvestir o superávit municipal de 2017 sen que isto afecte aos principios de estabilidade orzamentaria, sostenibilidade financeira e regra de gasto.

Ruta de San Finx

O grupo municipal de Terras de Lousame presentou por urxencia unha moción para declarar parque natural a zona de Fonte Covada pero que non foi debatida ao non superar o trámite da urxencia. Finalmente, o grupo municipal do BNG quedou en solitario no seu apoio á moción no que pedía a modificación do Regulamento Orgánico do Concello no que atinxe ás remuneracións dos grupos políticos municipais.

A alcaldesa de Lousame informou de que esas remuneracións están recollidas na lexislación vixente e vinculadas á aprobación dos orzamentos municipais, pero anunciou que “podemos corrixir o trámite de ter que presentar unha petición escrita para poder cobrar esas asignacións e reducir a burocracia, pois ás veces se nos esquece presentalo e xa nos pasou aos tres grupos deixar de cobrar todo un ano por un erro”. Amador Turnes aceptou a proposta feita por Teresa Villaverde de “evitar ter que presentar ese escrito, pois nós perdemos as achegas do ano pasado”.

Por último, o BNG sacou adiante unha moción sobre a senda fluvial de San Finx cos dous votos a favor de BNG e Terras de Lousame e as 9 abstencións de PP e PSOE. Unha moción que se reafirma nunha presentada polo grupo municipal nacionalista en 2016 para solicitar a posta en valor da senda entre o nacemento do río San Finx e a mina. Neste sentido, Amador Turnes pediu a súa inclusión nos proxectos Leader, cuxa convocatoria se pecha o 31 de marzo.

Unha data que a alcaldesa ve imposible de cumprir xa que “primeiro é preciso facer un estudo desa senda, coñecer os propietarios das parcelas, falar cos donos dos muíños, cumprir coa lexislación de Minas… e iso fai difícil que se poida presentar nese prazo”. Ademais, lembrou que en Lousame están en marcha varias actuacións en materia de recuperación de espazos naturais e rotas de sendeirismo “como facerse coas fincas do castro de Servia, seguir coa senda peonil do río Tállara ou actuar nas escaleiras que soben a Guiende, como propuxo o propio BNG nese mesmo pleno. Iremos recuperando as rutas segundo poidamos”.