Saturday 16 de November de 2024

10 nenas e nenos participan no obradoiro de radio organizado pola biblioteca municipal de Fene


A Biblioteca Municipal Xosemaría Pérez Parallé de Fene acolle durante os xoves de marzo unha nova edición do taller de radio co que se pretende achegar a rapazada a este medio, propoñéndolle para iso que produza un programa completo. Á iniciativa apuntáronse 10 nenos e nenas que, tras aprender os fundamentos da comunicación radiofónica, xa empezaron a facer entrevistas centradas na literatura. E é que o espazo que gravarán a fin de mes -e que se botará pola emisora municipal- estará dedicado á conmemoración do Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil.

Este xoves a rapazada participou na segunda sesión do obradoiro na que entrevistaron, entre outras, á mestra do CEIP Centieiras Paloma Rodríguez. Ademais de profesora, Rodríguez tamén é coautora dos contos da colección “A Igualdade conta”, de Edicións Embora.

Á mestra preguntáronlle polo oficio da escrita e polo proceso de creación e de produción editorial,co obxectivo de incorporar o seu punto de vista ao programa que gravarán o xoves 30 no estudio de Radio Fene para emitilo uns días despois. Neste proceso contan coa axuda do técnico Xavier Fernández e da xornalista Almudena Marcos, encargada ademais de dirixir o obradoiro que vai pola súa terceira edición.

O obxectivo principal da actividade é achegar os nenos e nenas de entre 9 e 12 anos ao medio radiofónico a través do xogo, a investigación e a creatividade sonora. Trátase dunha proposta lúdica que este ano se ocupa da celebración do Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil

Os contidos que se tratan son moi variados e abranguen todo o proceso de produción, guionización e gravación dun espazo. Como conseguir unha noticia, como facer entrevistas, o xeito de redactar para a radio, a locución e outros aspectos abórdanse como un xogo práctico que, en último caso, busca converter a rapazada nun equipo capaz de sacar adiante un programa radiofónico.

O obradoiro é unha iniciativa da Biblioteca Municipal Xosemaría Pérez Parallé-Concellaría de Cultura e Ensino de Fene en colaboración con Radio Fene.