Saturday 16 de November de 2024

O PSOE presentará no Parlamento de Galicia varias iniciativas parlamentarias sobre o sector téxtil de Ordes


Os deputados Abel Losada e Begoña Rodríguez Rumbo recibiron ao Comité do ERE do grupo téxtil Deus a petición da Agrupación Socialista de Ordes

Os deputados socialistas Begoña Rodríguez Rumbo, voceira de Economía, e Abel Losada, voceiro de Industria, reuníronse na tarde de onte co Comité do ERE do grupo téxtil Deus (Ordes). Un encontro celebrado a instancias da Agrupación Socialista de Ordes, cuxo secretario xeral, Xesús Pedreira, tamén participou na reunión.

Durante o encontro, as integrantes do Comité do ERE de Deus trasladáronlle aos deputados socialistas a situación que están a padecer nestes momentos, cun ERE de extinción de 103 traballadoras ás que a empresa lles adebeda varias nóminas. Os deputados socialistas comprometéronse a presentar varias iniciativas parlamentarias tanto sobre a situación actual do téxtil ordense e sobre a empresa Deus en particular, como sobre os plans que ten a Xunta de Galicia sobre o sector.

Neste sentido, dende a agrupación socialista ordense lembran que no 2012, cando lle pedimos á Xunta a elaboración dun Plan Estratéxico para o sector téxtil da comarca de Ordes, xa advertiamos de que se perderan 332 empregos. Cos últimos casos estamos falando de máis de medio milleiro de persoas, xente nova que nestes momentos queda sen perspectivas de conseguir un traballo.