Sunday 24 de November de 2024

Preto de 400.000 euros para a reparación da estrada AC-552 ao seu paso por Arteixo, A Laracha, Vimianzo, Coristanco e Zas


Os traballos permitiron recuperar o firme en máis de nove quilómetros, a maior parte deles correspondentes ás travesías urbanas polas que discorre o viario

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, visitou o Concello de Arteixo, onde tivo a oportunidade de comprobar o resultado das obras de reforzo do firme executadas na estrada AC-552, e que serviron para recuperar o firme e aumentar a seguridade viaria nas travesías urbanas do propio concello arteixán, Vimianzo, Paiosaco, A Laracha, Agualada e Baio. Tamén incluíse nesta actuación, debido ao deterioro que se constatou, o treito que discorre entre a glorieta de Sabón e a de Bajamar (Pescanova), previo ao comezo da travesía de Arteixo.

O investimento, executado pola Consellería de Infraestruturas e Vivenda, ascendeu a preto de 400.000 euros e está enmarcada nun plan máis ambicioso de reforzo do firme no que tamén se incluíron dúas actuacións en estradas de Oleiros, en concreto nas travesías da AC-175, en Perillo, e na AC-180, no Carballo. En total, a Axencia Galega de Infraestruturas completou un investimento nas travesías da contorna da Coruña de preto de 500.000 euros, executada en seis meses de traballos.

As obras consistiron, basicamente, na reparación do firme existente mediante fresado e reposición das zonas deterioradas, reposición de marcas viarias, colocación de captafaros de calzada e posta a cota de tapas e sumidoiros en calzadas e beiravías. Estímase que a intervención da Xunta de Galicia mellorou a seguridade viaria e a comodidade dunha poboación potencial de 386.000 habitantes da área metropolitana coruñesa.

Na súa primeira visita oficial a Arteixo, Ovidio Rodeiro foi recibido na Casa do Concello polo alcalde, Carlos Calvelo, con quen o delegado aproveitou para tratar diversos temas relacionados co municipio. Rodeiro destacou a importancia estratéxica de Arteixo, “un concello que segue a manterse como un dos motores da economía de Galicia ao tempo que trabala arreo por compaxinar a súa actividade industrial cun crecemento sostible e co benestar dos veciños”.