O concelleiro de Espazos Cidadáns, Dereito á Vivenda e Mobilidade deu conta hoxe do cambio na ordenanza de usos dunha parcela municipal situada no contorno do Hospital Clínico, que ten como obxectivo permitir a construción dun novo aparcadoiro neste ámbito. O estudo de detalle será sometido hoxe a aprobación definitiva no Pleno da Corporación.
Jorge Duarte explicou que é a segunda modificación urbanística que impulsa o Goberno local no contorno das vivendas de San Ignacio de Loyola, tras coñecerse que finalmente esta non será a localización da nova Facultade de Medicina. O primeiro cambio tivo como obxectivo devolverlle o uso residencial ás parcelas onde se sitúan as vivendas, “o que permitirá afrontar a súa rehabilitación e mesmo a instalación de ascensores”.
A segunda modificación é un estudo de detalle para ordenar os volumes e os viarios de acceso ás parcelas, e contempla a previsión de uso dos terreos municipais para a construción dun aparcadoiro de tres plantas, con entre 150 e 180 prazas por andar. O concelleiro de Espazos Cidadáns explicou que o estacionamento aproveitaría a diferenza de cota de ata dez metros da parcela, de xeito que a parte superior do edificio quedaría convertida nunha praza pública, que tamén serviría de conexión peonil co propio Hospital.
Jorge Duarte explicou que o Goberno impulsa esta modificación porque entende que “hai que buscar solucións ao importante déficit de prazas de aparcamento no contorno do Hospital Clínico”, e salientou que este estacionamento viría a sumarse “aos que haberá que proxectar vinculados á nova Facultade de Medicina e baixo o heliporto do CHUS”. Por iso, o concelleiro de Espazos Cidadáns apostou por buscar a colaboración entre administracións para financiar a posible construción do aparcadoiro, “tendo en conta que o principal beneficiario sería o complexo hospitalario”. O edil apuntou que o que hoxe se leva a pleno é un primeiro paso para ter ese estacionamento, e mostrouse convencido de que “o proxecto poderá verse reflectido nos orzamentos de 2018 do Concello, da Xunta e mesmo da Universidade de Santiago”.