O Concello de Brión ten programadas tres propostas culturais para mañá venres 17 de marzo, moi diferenciadas tanto na súa temática como no seu público obxectivo: un espectáculo infantil sobre Rosalía de Castro, un concerto do alumnado da Escola de Música Magariños e a presentación dun libro de poesía. Todos eles teñen en común que a asistencia é libre e de balde.
Así, ás 18:00 horas a biblioteca municipal de Brión acollerá “Rosalía cumpre 180 anos! Queres celebralo con ela?”, un espectáculo de animación da actriz María Torres dirixido ao público infantil. Nel, María Torres actúa caracterizada como unha divertida Rosalía que fala da súa vida, dos seus fillos e da súa paixón: a poesía, mentres propón distintos xogos de creación literaria aos nenos e nenas presentes.
Dúas horas despois, ás 20:00 horas, o alumnado dos departamentos de piano e guitarra da Escola Municipal de Música Magariños ofrecerán o segundo concerto do seu IV Ciclo “Venres Musicais”. Unha actuación que terá lugar no salón de actos do centro social polivalente de Pedrouzos e no que un total de 23 alumnos e alumnas do centro brionés ofrecerán cadansúa interpretacións de pezas clásicas de Beethoven, Bartok, Clementi e Tchaicovski.
Finalmente, ás 20:30 horas, a sala municipal de exposicións da Casa da Cultura de Brión acollerá a presentación do último libro do escritor Xulio Cid Neira: “Expreso e outros poemas da vía”. O escritor estará acompañado polo alcalde de Brión, José Luís García, e polo profesor Xesús María Sambade Soneira.
“Expreso e outros poemas da vía”, editado por Editorial Círculo Rojo, recolle unha serie de poemas inspirados en recordos da infancia e mocidade do autor no barrio ourensá do Pino, que fica ao pé da liña ferroviaria da estación Ourense-Empalme. Xulio Cid Neira, nado en Ourense e residente en Ames, está vinculado profesionalmente con Brión, onde leva once anos traballando no seu instituto.