A Deputación da Coruña lanzou recentemente a campaña Primavera no Camiño Inglés co fin de promocionar e impulsar a afluencia de visitantes desta Ruta Xacobea que transcorre integramente pola provincia da Coruña. A campaña consiste nun ciclo de conferencias divulgativas sobre a historia desta ruta e dos seus numerosos atractivos culturais, naturais, etnográficos e arquitectónicos. En Fene a conferencia terá lugar o próximo mércores 22 de marzo ás 19.00h. na Casa da Cultura da man do xornalista divulgativo Cristóbal Ramírez.
Ramírez tamén foi presidente da Asociación de Xornalistas do Camiño Inglés durante dúas décadas e, como grande experto no tema, ocuparase deste ciclo que tamén chegará ata o mes de maio aos municipios Cambre, Narón, Abegondo, Betanzos, Carral, Oroso e Pontedeume.
A Deputación veu desenvolvendo nos últimos meses accións relacionadas co Camiño Inglés como parte da súa estratexia de promoción turística da provincia. Deste xeito, estivo presente en Durham nunha peregrinación que reivindicaba as orixes do Camiño Inglés, e tamén participou nun encontro internacional de representantes de entidades promotoras do Camiño de 14 países co fin de promocionar a ruta.
As charlas afondarán na realidade xacobea botando unha ollada ao seu pasado e tamén ao seu futuro como eixo vertebrador do territorio, vía de intercambio cultural e recurso turístico fundamental na provincia. Porén, as conferencias non serán o único evento asociado a este programa provincial, xa que tamén está previsto que o próximo 22 de abril se celebre en Betanzos unha feira onde se exhibirá o potencial turístico e gastronómico dos 18 municipios polos que pasa o Camiño Inglés a Compostela.
Xusto un mes antes, o próximo mércores 22 de marzo, teremos na Casa da Cultura a conferencia de Cristóbal Ramírez. A cita é ás 19.00h.