O 21 de marzo é o Día Internacional dos Bosques e o 22 celébrase o Día Mundial da Auga. Dúas datas sinaladas polas Nacións Unidas coas que se pretende por de manifesto, dunha banda, a importancia da preservación dos montes e selvas como filtros ambientais e fonte de recursos sustentable e, doutra, a necesidade de nos concienciar coa auga como un ben prezado que non se debe malgastar nin contaminar. Mensaxes claras sobre o ambiente que o Concello de Fene levará aos colexios o luns 20 e o mércores 22 de marzo a través do programa “Adeus ríos, adeus fontes”. Este é o segundo ano que se celebra e agárdase a participación duns 550 nenos e nenas.
A iniciativa desenvolverase en todos os centros escolares do municipio e está pensada principalmente para o alumnado de 1º a 4º de educación primaria. O luns 20 de marzo terá lugar no CEIP de Sillobre -9.30h.- no CEIP Centieiras -10.30h.- e no CPR Jorge Juan ás 12.00h. O mércores 22 trasladarase ao CEIP Os Casais -9.45h.-, ao CEIP O Ramo -11.05h.- e ao CPI A Xunqueira ás 12.15h.
“Adeus ríos, adeus fontes” ten dúas partes. A primeira é un contacontos, titulado nesta ocasión “Unha árbore vén vernos” na que o actor e narrador Anxo Moure interpreta ao Tío Teixo. O ancián chegará na compaña da súa mula de madeira Caramula e viaxará canda á rapazada ata o bosque dos soños para salvar as árbores e, de paso, “a tenrura que vive no bosque e da que se alimentan os seres máxicos”.
Trátase dunha sesión na que os nenos e nenas non só gozarán dos contos interactivos de Moure, senón que tamén poderán xogar a colorear láminas. Ademais, aproveitando a visita do Tío Teixo, cada centro recibirá cinco exemplares do libro “Caramula e o carpinteiro dos soños”.
A segunda parte da proposta da Concellaría de Medio Ambiente para os colexios consiste nun convite para que, ao remate do contacontos, a cativería participe na plantación dunha árbore. Neste sentido, o Concello facilitaralles aos centros interesados tanto a árbore como persoal municipal para a plantación.
Os colexios teñen decididas xa que árbores van poñer na terra: en Sillobre unha pereira, en Centieiras un loureiro romano e un érbedo, na Jorge Juan plantarán unha cerdeira, nos Casais optaron por un teixo, no Ramo porán un caqui e na Xunqueira plantarán unha figueira, unha camelia e un érbedo.
O programa “Adeus ríos, adeus fontes” celebra os días internacionais adicados aos bosques e a auga en colaboración coa comunidade educativa e con dous obxectivos principais: destacar a relevancia das árbores e dos bosques como filtros ambientais que protexen o chan, reciclan auga e limpan o aire, ademais de ser protección ante o cambio climático e fonte sustentable e renovable de recursos; e, no caso da auga, xerar conciencia sobre a súa importancia para a vida no planeta e sobre a necesidade de non contaminala e aproveitala de xeito racional.