Thursday 26 de December de 2024

20 persoas participaron en San Sadurniño no obradoiro de repostaría e pans sen glute ofrecido dentro do programa Tempos para compartir


O programa Tempos para compartir ofreceu o pasado sábado en Lamas un interesante obradoiro sobre como facer biscoitos e pan sen glute. Mariola Fresco impartiu unha clase maxistral á que asistiron cerca dunha vintena de persoas na que mostrou paso a paso a preparación de distintos bolos usando fariñas alternativas á de trigo e do resto de cereais que conteñen esta proteína prexudicial para persoas coa enfermidade celíaca ou para quen teña sensibilidade a ela. O seguinte Tempos… tamén terá que ver coa alimentación, aínda que desde unha óptica distinta. E é que o sábado 1 de abril aprenderemos con Eros Villasuso en Igrexafeita como preparar ricos doces de pascua. O prazo de inscrición xa está aberto chamando ao 981 490 027 (ext.1).

Volvendo ao tema do último Tempos para compartir, o do sábado pasado, cómpre reseñar que quizais o éxito do obradoiro estea en que a enfermidade celíaca sexa cada vez máis coñecida. Está descrita como tal enfermidade desde hai pouco máis de trinta anos e aféctalle aquí en Europa a unha media de 1 persoa por cada 300.

Trátase dunha enfermidade de orixe xenética que se manifesta cunha reacción inmune do corpo contra o revestimento do intestino, provocada precisamente pola proteína do glute presente en certos cereais, entre eles o trigo. Unha reacción que, dependendo da súa virulencia, pode causar efectos graves na saúde, e máis aínda se lle afecta a nenos e nenas de curta idade e non se diagnostica correctamente e a tempo.

Por sorte ese diagnóstico é cada vez máis común e rápido. Porén, a celiaquía non ten cura e a única maneira que hai -por agora- de convivir con ela é retirar o glute da dieta. Ocorre que o glute está en todos lados: no pan, nos biscoitos, nas galletas, na pasta… e e en todo alimento que leve fariña ou ingredientes a base de trigo, centeo, cebada, avea ou calquera das súas hibridacións, como é o caso da espelta, a escanda, o kamuto ou o triticale.

Pouco a pouco vai habendo cada vez máis marcas que sacan liñas específicas libres de glute. Pero o básico -as masas de pan, as galletas e as pastas- seguen tendo un prezo diferenzal moito máis alto que as elaboracións preparadas con fariña convencional. Por iso unha boa opción é buscar alternativas ao trigo -a principal é o maínzo- e facer preparacións caseiras con outro tipo de masas.

Diso foi do que falou Mariola Fresco Torrente o sábado en Lamas perante cerca dunha vintena de persoas moi interesadas en descubrir como facer cousas ricas prescindindo do trigo. Fresco mostrou repostarías varias e mesmo pan feito con fariña de castaña que pode tomar calquera, teña ou non problemas co glute.

Semella doado, pero ten o seu aquel porque -aínda non o dixéramos- o glute é a proteína que lle dá á masa a elasticidade necesaria para levedar sen romper, para que se forme a codia que tarrusque e para manter despois esa textura esponxada do pan fresco. Ese é o motivo de que para obter algo parecido con outros ingredientes sexa necesario buscar combinacións de fariñas e almidóns que non deberían ser máis caros e que, en calquera caso, esixen maior precisión nas pesaxes e nas coceduras.

En abril, doces de pascua
Para o Tempos… de abril xa hai tema elixido. Será Eros Villasuso -veciño de Naraío- quen se adentre de novo na repostaría para falarnos da elaboración de doces típicos do tempo da pascua e da semana santa. O obradoiro impartirase en Igrexafeita o sábado 1 a partir das 17.00h. Hai 15 prazas dispoñibles que se cubrirán por orde de inscrición con prioridade para as persoas empadroadas en San Sadurniño. A data límite para apuntarse é o 27 de marzo.

Cómpre chamar ao 981 490 027 (ext.1). Nese teléfono tamén podemos ofrecernos como docentes de futuros obradoiros co obxectivo de compartir con outras persoas calquera coñecemento que teñamos ou calquera cousa que saibamos facer.