Friday 22 de November de 2024

Compostela Conversa, diálogos musicais e concertos, novo ciclo para os domingos en Santiago de Compostela


O público poderá enviar previamente preguntas que os e as artistas responderán en directo

Compostela Conversa é un ciclo de concertos de carácter único que busca fomentar a promoción do novo talento e a reflexión sobre a escena actual, dando voz aos artistas máis alá da actuación musical. Pero ademais dun ciclo de concertos, tamén é un espazo de conversa aberta ao público. Preténdese abrir un debate plural sobre a creatividade, o traballo dos artistas, a situación do novo talento e calquera tema que enriqueza a ruptura da parede entre espectador e artista durante un concerto. Un espazo de diálogo entre as propias bandas e músicos, que poña en contacto o talento galego emerxente con artistas de outros estilos, xeografías e épocas.
Este domingo, 19 de marzo, inaugurase o ciclo coa doble actuación e diálogo de Trilitrate e Joana Barra Vaz cun fío de conversa que versará sobre o audiovisual en relación coa música.
TRILITRATE
Trilitrate é un proxecto que abrangue música acústica e videocreación en tempo real; trátase dunha composición colectiva que ten como fin crear algo persoal e inédito. Esta formación crea sons descoñecidos que desafían calquera categoría e abren novos sendeiros na música acústica. Desdebuxan as liñas existentes entre a composición e a improvisación; revelando influencias de estilos tan afastados entre si como poden ser a música clásica, a improvisación libre, o hardcore, post-rock ou o noise. Interpretan ademais música étnica orixinal dentro de un universo propio. Esta atmosfera complétase mediante estímulos visuais xerados en tempo real.

JOANA BARRA VAZ
Joana Barra Vaz é unha realizadora, compositora e música portuguesa.
Fundou xunto a Tiago Pereira o arquivo web ‘A Música Portuguesa a Gostar Dela Própria’; Formouse en argumento cinematográfico e son na Escola Superior de Teatro e Cinema. Fixo a súa formación musical en clases particulares de piano clásico acompañada pola profesora Lídia Lantos. É autodidacta na guitarra. Estreouse en escenario en banda de presentación do LP “Tree Of Life” de José de Castro. Escribiu letras para Tv Rural e tamén para Bernardo Barata.
Entre moitos outros vídeos musicais, realizou o documental “MEU CARO AMIGO CHICO” que foi exhibido nos festivais: Indie Lisboa’12, Muvi’14, e a Mostra Internacional de Cinema de S. Paulo’12 — onde foi seleccionado polo público para competición.
En Setembro de 2016 funda, xunto a Pedro dos Reis, a plataforma artística e editora Bi-Du-Á cuxo primeiro lanzamento é o seu LP “MERGULHO EM LOBA”: un longa duración producido por ela mesma xunto a Luís Nunes e José Joaquim de Castro, conta coa participación dos músicos José Joaquim de Castro, David Pires, David Santos, Ana Nagy, Ricardo Jacinto, João Gil, Selma Uamusse, Gabriel Correia, e Mário Amândio.
“MERGULHO EM LOBA” foi elixido como un dos mellores discos da música portuguesa do ano pasado pola crítica do país.

As entradas para cada encontro terán un prezo de 10 euros (5 euros para desempregados, maiores de 65 anos, xubilados, menores de 25 anos, estudantes, familias monoparentais, familias numerosas e perceptores de rendas sociais) e poden mercarse a partir desta tarde no despacho de billetes do Teatro Principal (aberto de martes a sábado de 18 a 21 h), no 902 434 443 ou en entradas.abanca.com.

O público pode enviar as súas preguntas a cada un dos grupos previamente a través da conta de correo electrónico compostelaconversa@gmail.com e os e as artistas responderán o mesmo día do concerto en directo.