Saturday 16 de November de 2024

O Concello de Lousame saca a licitación as obras de mellora dos camiños Seoane-Cerquides e Silvarredonda-Froxán por 150.000 euros


O Concello de Lousame vén de sacar a licitación as obras de arranxo do camiño entre Seoane e Cerquides, así como a mellora do camiño entre Silvarredonda e Froxán e os accesos a Fontefría. Dous proxectos nos que se investirán un total de 151.715 euros (IVE incluído) e que se poderán licitar nas próximas semanas grazas á aprobación dun expediente de modificación de crédito na sesión plenaria do pasado 24 de febreiro, xa que se trata de obras financiadas ao abeiro do Plan de Aforro e Investimento da Deputación (PAI 2016).

No caso do camiño entre Seoane-Cequides (Lousame) preténdese mellorar a capa de rodaxe, de 2.575 metros de lonxitude e 4 metros de ancho, cun tratamento asfáltico superficial e rego de selado en toda a plataforma, previa reparación de fochancas e previa ampliación do ancho da calzada nun metro. “Trátase dun camiño que, polas raíces das árbores, está moi deteriorado, con moitos altos e baixos”, explica a alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde. As obras, que teñen un prazo de execución de seis meses, están orzamentadas en 78.557 euros. Ademais contemplan a apertura de gabias, a limpeza de salvagabias para a súa drenaxe correcta e a mellora da seguridade viaria coa colocación dun sinal de STOP.

O segundo proxecto sae a licitación por un importe de 73.158 euros e inclúe a mellora do camiño entre Silvarredonda e Froxán, así como os accesos a Fontefría. No caso do camiño entre Silvarredonda e Froxán, os traballos inclúen a apertura de gabias e a mellora da súa capa de rodadura cun tratamento semiprofundo e selado. Así mesmo, o proxecto inclúe a mellora dos accesos a Fontefría, no límite con Rois. Neste punto, Teresa Villaverde indica que “xa se realizaron varias actuacións nesta zona pero agora vaise actuar dende a ponte ata a estrada Santiago-Noia. Neste caso, a actuación realizarase con zahorra e cun selado con area”.