A Concellaría de Deporte colabora un ano máis na organización do Duatlón Cidade de Santiago, que alcanza xa á súa XV edición. Desta vez celebrarase o vindeiro sábado, 18 de marzo, nun circuíto no Polígono da Costa Vella.
A concelleira de Deporte, Noa Morales afirmou sentirse “moi satisfeita de seguir colaborando como institución nun evento deportivo destas características e con tanto arraigo na cidade, que vén demostrado polo número tan elevado de edicións”. Na proba van inscritas máis de 80 persoas e o prazo aínda se mantén aberto ata as 23:59 horas deste martes. Ten un prezo de 18 euros para as categorías absolutas feminina e masculina e é gratuíta para as demais.
O Polígono de Costa Vella é o lugar elixido para a celebración desta proba que terá unha lonxitude de 27,5 quilómetros. Os primeiros cinco son de carreira a pé, os vinte seguintes en bicicleta e os últimos 2,5 volven ser de carreira a pé.
Proba popular Supersprint
Ás 15:30 horas terá lugar unha proba dirixida a todos os públicos, estean ou no federados. Consistirá no percorrido de dous quilómetros de carreira a pé, outros oito quilómetros en bicicleta e un último quilómetro tamén a pé facendo un total de 11 quilómetros. A inscrición ten un prezo de 10 euros.
A concelleira animou a veciñanza a “participar dun dos eventos deportivos da fin de semana, ben como atletas da carreira popular aberta a todos os públicos ou ben como espectadores e espectadoras”. Haberá premios económicos e unha bolsa de produtos Nutrisport para os e as primeiras clasificadas.