Saturday 23 de November de 2024

Entregada a embarcación “Jalerna” á Cofradía da Dorna tras ser restaurada por usuarios do servizo de drogodependencias


O Servizo de Drogodependencias de Riveira procedeu esta mañá a facer entrega á Real e Ilustre Cofradía da Dorna da súa embarcación “Jalerna” despois de que cinco usuarios do módulo de carpintería da unidade de día desta entidade dependente do Concello estiveran colaborando na súa restauración ao longo de dous meses.

A acción tivo lugar na nave municipal de Obras situada en Xarás nun acto que contou coa presenza do presidente da Cofradía da Dorna, Narciso Fernández; o alcalde Manuel Ruiz; a concelleira de Servizos Sociais Esther Patiño; o xefe de servizo Jesús Cartelle; o monitor de carpintería Manuel Casais; así como usuarios encargados dos labores, entre outros.

Manuel Casais manifestou que os traballos realizados constaron dunha restauración integral incluíndo entre outros o pintado da dorna, o arranxo da cuberta ou a obra morta.

Día das Letras Galegas
Pola súa parte, Narciso Fernández ‘Chori’, quen agradeceu ao Concello e ao servizo a súa colaboración, explicou que esta embarcación cumpre 20 anos no 2017 e que con tal motivo será botada o 17 de maio coincidindo co Día das Letras Galegas. Así mesmo, avanzou que a Confraría participará na concentración de embarcacións tradicionais que vai ter lugar en Combarro a finais co mes de xullo co fin de que “esta embarcación típica da ría de Arousa nunca se perda e perdure no tempo”.

Pola súa parte, o alcalde Manuel Ruiz destacou o labor que se está realizando cos usuario do servizo de drogodependencias e subliñou a importancia de que se visualice o seu traballo como acaba de acontecer coa restauración desta dorna –respecto da que salientou a boa disposición da Confraría da Dorna para poder colaborar nesta e noutras actividades municipais – ou tamén coa recente posta a punto do mobiliario urbano do paseo de Coroso.