O salón de plenos do Consistorio Local acolleu un acto de entrega de diplomas ás asociacións, empresas (comercios e locais de hostalería) e artistas colaboradores na última edición de Artemar Riveira, nun acto que estivo presidido polo alcalde Manuel Ruiz e tamén contou coa participación do presidente da Asociación de Empresarios, Antonio Miranda, e dos concelleiros Elvira Pisos, Maricarmen Vizcaya e Antonio Freire.
Foi a edil de Cultura Elvira Pisos quen abriu o evento destacando o papel destas persoas e colectivos –máis de medio centenar- á hora de organizar Artemar Riveira. A continuación, Antonio Miranda manifestou que dende o colectivo de empresarios se seguirá apoiando as actividades que conforman esta feira e incidiu na importancia de que comercio e hostalería vaian da man na busca dos seus obxectivos.
En canto a Manuel Ruiz, subliñou a importancia de que canto máis entidades e persoas se impliquen en eventos como Artemar, máis beneficios poden traer para o pobo. Neste senso, felicitou a todos os que coa súa implicación “fixeron desta feira un evento esperado por todos os riveirenses e que está perfectamente consolidado”.
Alta participación
De igual xeito, expresou a súa noraboa aos dous establecementos gañadores nos concursos de escaparatismo e decoración de locais de hostalería -Alalba e Abuela Gloria, respectivamente- e salientou a alta participación en ambos eventos, con máis de 400 votos en cada unha das categorías.
Nesta terceira edición de Artemar Riveira participaron 10 locais de hostalería, 13 establecementos comerciais, 10 asociacións e 13 artistas, ademais do pregoeiro inaugural, Manuel Ayaso, presente no acto.